Nunca fixera a Luís Mera un retrato, nin unha caricatura; pero ante a homenaxe coa que un grupo de amigos quixemos agradecerlle o inmenso labor cultural que ao longo de coarenta anos veu desenvolvendo na cidade, fíxenlle cento. Fun velo un par de veces á casa e mentres falabamos na biblioteca, ante o piano ou na galería, esculcaba o seu rostro en procura da expresión que mellor o identificase. Tamén lle fixen fotos, que estudiei demoradamente, e a partir de aí, en calquera lugar e en calquera momento, en canto unha imaxe de Mera sulcaba a miña mente, collía o caderno ou o Ipad, e garabateaba un deseño, máis ou menos atinado e divertido.
O problema estaba en tirarlle un retrato que respondese ao principio, xeralmente aceptado e case sempre acertado, de que a cara é reflexo da alma, porque a alma de Mera ten que ser grande e complexa; así que, disposto a simplificar, propúxenme salientar tres peculiaridades da súa personalidade: bonhomía, elegancia e ironía.
Cantos o coñecemos sabemos que Luis Mera é, ao xeito machadiano, un home bo: leal, cordial e xeneroso, ata niveis incribeis, cos amigos; e esencialmente ético ante as grandes causas da humanidade.
A elegancia física é cousa de percha, que se ten ou non se ten. Mera tena, pero ten tamén a outra, a que importa: a interior, a elegancia do espírito. Etimolóxicamente, elegante é quen ben elixe; e Mera elixe ben sempre, de aí que rexeitase a homenaxe convencional de comilona, discursos e regalos, porque non podía aceptar que ninguén tivese que facer un desembolso económico para testemuñarlle o seu afecto. Como sempre, acertou e o acto do pasado día 31, na Fundación Caixa Galicia, foi extraordinario.
A ironía de Luis Mera véxoa clarísimamente cando surrí cos beizos e cos ollos.
Mera é bo, é humilde, é discreto, pero non inxenuo; por eso sabe que o seu labor no Ateneo, no Club de Prensa, no Liceo Rubia Barcia e no Concello, non é cousa menor. Nin tampouco o traballo de investigación histórica e documental que vén desenvolvendo na música, co descubrimento de partituras descoñecidas de José Arriola e a publicación de interesantísimos ensaios, da súa autoría, como Desde Los aniversarios del silencio, Memoria musical de un tiempo huido, Crónica de himnos y silencios, La música, el Danubio y otras historias e Música y política en el holocausto nazi (1933-1945).
Os máis dos ferroláns ignoran que o pequeno monumento nun recanto do xardín na praza de Armas, titulado Toros Ibéricos, obra do escultor Alberto, o gran protagonista, con Picasso, no Pabillón de España na Feira Internacional de París, do ano 1936, foi doado ao pobo de Ferrol pola xestión de Luis Mera. Tampouco se sabe que o prestixioso Grupo de Metales Santa Cecilia non sería o que é sen o seu apoio; nin que el foi quen puxo en marcha o Liceo Rubia Barcia, quen coida a edición da revista Ferrol Análisis, a mostra fotográfica Galicia en foco, o Premio José Couso de liberdade de prensa? Non se sabe como debera, pero a Mera tanto lle ten, e surrí.
Certo que os seus méritos son recoñecidos no mundo intelectual e que forma parte de Consello da Cultura Galega; pero a eso tampouco lle dá importancia, e surrí tamén.
Este é o Luis Mera parcial que tentei reflectir no meu retrato. O total, o bo, pódeno descubrir no libro Unha vida a prol da cultura.
siro@siroartista.com