O bacallao da PYSBE

POR SIRO

FERROL

Na noite do domingo, día 22 de setembro, morreu meu cuñado Paco. Tiña noventa anos, e a memoria e a próstata mellor ca min. O domingo 29, a muller, miña irmá Celia, que tiña oitenta e oito e levaba cinco con alzheimer, non quixo vivir sen el e morreu tamén. Concluiu así unha fermosa historia de amor que empezara hai setenta anos, e acadara o cumio cando miña irmá enfermou e pasou de ser unha muller bondadosa e inxenua, sempre sorrinte e amable, a se converter nunha réplica da nena de «El exorcista». O psiquiatra recomendou o internamento nunha residencia, e meu cuñado respondeu: -Si, pero con ela vou eu. Entraron os dous en Euxa, e só viviu para ela.

A tarde do día 22 respiraba mal, pero non tanto como para non se queixar das comidas: a ver por que non podían poñer uns xurelos en escabeche, ou un guiso de bacallao con garavanzos. E a miña irmá, que estaba adormiñada por mor dunha infección de orina, abriu os ollos e dixo: -¡Que rico!

O bacallao non deixa indiferente a ninguén. Julio Camba aborrecíao e chamoulle, despectivamente, «momia pisciforme»; Vázquez Montalbán toleaba por el e eloxiaba a quen tivo a idea de remollar a momia, fervela na tarteira de barro, poñerlle á auga do fervor un pouco de aceite e uns allos, remover e convertela no bacallao ao pil pil. García Márquez descubriuno en España, e fíxose adicto. Marañón eloxiouno como manxar e como alimento san e nutritivo no prólogo do libro Recetas de bacalao PYSBE, editado por esta empresa en San Sebastián, no 1936. Pero os escritores non fan máis que transmitir o sentir popular, que se manifesta no éxito das festas gastronónicas co bacallao como protagonista, e no de locais especializados, como Labra, moi perto da Porta do Sol, en Madrid -onde Pablo Iglesias fundou o Partido Socialista-, sempre tan cheo que hai que comelo de pé.

O traballo das mulleres na PYSBE era duro: limpaban o bacallao con cepillos, folla a folla, e pasábanas aos lavadeiros de auga salgada e quitábanlles a pel negra, antes de levalas aos secadeiros ou filetealas. Porque da PYSBE saían productos varios: bacallao en follas, filetes sen espiña, linguas e aceite de fígado.

O labor das redeiras non era máis cómodo porque, de tanto apretar e tirar dos fíos, remataban coas mans feridas, e tiñan que metelas en agua con sal ou mexar por elas, como facía Azarías, o parvo de Los santos inocentes.

Pero o peor era afacerse ao cheiro e esquecelo á hora de ir aos comedores da empresa a papar unha fabada ou unhas lentellas. Moitas mulleres levaban o cheiro nos miolos, e chegaron a anoxar o bacallao ata o punto de ter que saír da casa cando o cociñaban. Por eso non tiña moito xeito o cacheo humillante a que eran sometidas despois da cada xornada laboral.

A min de neno non me gustaba o bacallao, pero andando o tempo cheguei a gorentarme coas infinitas variantes que atopei por España adiante e en Portugal. Agora, por problemas de saúde, só o tomo á plancha, ao forno ou en ensalada; pero fáiseme a boca auga se penso nos pementos recheos de bacallao, nas croquetas de bacallao, no bacallao ao pil pil? Hai pouco fun ao médico e díxome: -Mellor que calquera menciña sería que tomases, cada día, unha cullerada de aceite de fígado de bacallao.

Non o farei, pero recoñezo que tiña razón aquel eslogan dos anos sesenta, que dicía: «Hay mucho que hablar del bacalao».

siro@siroartista.com