Nunha semana, a cidadanía europea ten unha cita coas urnas para elixir representación nunhas institucións que ata hai ben pouco parecíannos totalmente afastadas e carentes de contido. De feito, tivo que vir esta feroz crise para darnos conta de que a ata entón descoñecida prima de risco ou o Banco Europeo tiñan moita máis importancia nas nosas vidas do que pensabamos, ou que o chanceler dun país como Alemaña podía decidir sobre nós máis que Rajoy. Pois ben, con esta realidade démonos de fociños nestes anos; unha realidade que se traduciu nunha serie de recortes que ao PP, alumno avantaxado da dereita máis rancia que goberna Europa, non lle tremeu a man en aplicar, levando este país a unha situación desesperada. A reforma laboral, o recorte de servizos, a eliminación da xustiza universal e gratuíta ou a intención de cargarse dereitos fundamentais da muller a través da reforma da chamada Lei do Aborto, entre outras, lonxe de conseguir a tan ansiada «recuperación», afundiunos máis no pozo da desigualdade.
E para as persoas que vivimos en Ferrol, a situación é aínda moito peor. O noso «Ferroliño» mórresenos. Cunha taxa de paro do 32% e 6.000 postos de traballo perdidos en 2013 (do 35% no caso de desemprego feminino), coas gradas baleiras (malia ás promesas de cada campaña) duns estaleiros que viñeron dando de comer a moitos miles de veciños e veciñas, con decenas de comercios que están a pechar ante a escaseza de ingresos, e cunha poboación que decrece de forma alarmante porque novos e maiores teñen que marchar a buscar un futuro digno, os nosos gobernos local, autonómico e estatal obstínanse en mirar para outro lado. Por iso, porque Ferrol tamén é Europa, porque queremos á nosa cidade con toda a nosa alma e porque esiximos solucións para os que seguimos e para que regresen os que se foron, ademais de proxectos de futuro para que as nosas fillas e fillos poidan elixir quedarse aquí, o 25 temos unha oportunidade de ouro. Unha oportunidade para iniciar un cambio que, en honor a cidade berce e referente do movemento obreiro, sindical e da igualdade entre homes e mulleres, pode significar o inicio da volta ás políticas progresistas e de esquerdas.