Si hai un tema no que as xentes manifestan acordo, é a importancia para un país dun ensino de calidade. Unha ollada aos sucesivos cambios lexislativos na historia recente -do tardo franquismo ate hoxe- aporta luces e sombras. A Lei Xeral de Educación do ministro Villar Palasí supuxo en 1970 coa famosa EXB a escolarización obrigatoria e gratuíta entre os 6 e os 14 anos. Contiña tamén unhas posibilidades de autonomía de programación e metodoloxía que, por desgraza, non sempre aproveitou o profesorado pese ao xurdimento de movementos de renovación pedagóxica naqueles anos. Esta lexislación creou tamén o BUP e a FP que, con luces e sombras substituíron ao excluínte -polos pouco alumnado que o podía seguir- bacharelato da Lei de Ordenación do Ensino Medio de 1953, co seu exame de entrada, dúas reválidas e exame de selectividade no Preuniversitario, que tanto semellou inspirar aspectos da coñecida como Lei Wert -en mención do falangueiro ministro da cousa- de 2013.
O espazo do artigo non da para revisar a sopa de letras dos rebumbios lexislativos intermedios que tiveron en común a dubidosa honra de encher o armario de contidos sen facer necesarios descartes, aumentando a burocracia e os servizos prestados polos centros co mesmo ou menos persoal e medios. Este contexto non favoreceu a dedicación do profesorado ao perfeccionamento do seu traballo: lémbrese que a aprendizaxe atangue ás máis complexas funcións da mente, que distamos moito de comprender; é por iso que o oficio de escolante ten necesidade de suplir con arte o que non ten de ciencia para atender á personalidade de cada escolar.