As manifestacións do senador ferrolán Juan Juncal a La Voz de Galicia do pasado 03 de decembro de 2014 sobre a inviabilidade do dique flotante carecen de rigor dende un punto de vista estritamente económico. Mide a viabilidade por medio do cociente entre o custo e a vida útil. Este non é o xeito correcto, nin profesional, de realizar tal valoración. Ese cociente indica só o coeficiente de amortización. Con este cálculo non se teñen en conta os resultados que se poden conseguir coa instalación, determinantes para calcular a súa viabilidade económica.
Se, por exemplo, o dique custa 200 millóns de euros e ten unha vida útil de 25 anos, o coeficiente de amortización será de 200/25= 8 millóns de euros por ano. Pero a rendibilidade sería diferente dependendo dos seus resultados de explotación. Se gañara 4 ou 10 millóns de euros por ano a rendibilidade económica mediríase dividindo o beneficio entre o custe do activo, e sería no primeiro caso do 2% e no segundo caso do 5 %. O coeficiente de amortización sería en ámbolos dous casos de 8 millóns por ano pero non sería un parámetro útil pra tomar a decisión acaída.
En análise de investimentos débese confrontar a rendibilidade dun activo co custe do seu financiamento. Se o custe do financiamento é menor que a rendibilidade económica á empresa interésalle asumir o investimento, en caso contrario non. A conveniencia de construír ou non o dique na ría de Ferrol dependerá da facturación, do beneficio que se poda conseguir coa súa explotación e dos custes de financiamento. Non dependerá exclusivamente do seu coeficiente de amortización, tal como ven de manifestar o señor Juncal. Se, por exemplo, o dique conseguira un beneficio de 10 millóns de euros (rendibilidade dun 5 %) e o custe do financiamento fora menor, supoñamos que do 3%, á empresa interesaríalle moito a operación. Pedir prestado diñeiro ao 3% e investilo no dique sacándolle un 5 % sería como se di en Ferrolterra un choio. Conseguiría gañar un 2% por un diñeiro que pide prestado.
Pero a análise desta decisión non se esgota con este razoamento. Tamén dende o punto de vista económico debemos considerar que se trata dun investimento a realizar na única actividade da empresa que é rendible neste momento. A rendibilidade económica de Navantia no seu conxunto ven sendo negativa dende hai moitos anos. Polo contrario, a actividade de reparacións nos estaleiros da ría de Ferrol é a única, insisto, a única que nos últimos anos xera resultados positivos de todo o conglomerado de Navantia. Polo tanto, non ten sentido que non se realice un investimento na única actividade rendible e que ven xerando ocupación de xeito sostible para a empresa principal e as auxiliares durante os últimos anos.
A prol do investimento no dique xoga ademais un importante factor estratéxico. Navantia Ferrol ten un recoñecido prestixio como reparador entre os armadores e operadores de gas en todo o mundo, pero as cousas están cambiando. As novas unidades demandadas para o transporte marítimo son cada vez meirandes.
A apertura da nova canle de Panamá e a de novas rutas interoceánicas árticas para a conexión de Europa con Asia están a incentivar este troco que fará aumentar a presenza de megabuques, tamén no transporte de gas. Se Navantia Ferrol non se dota dun novo dique de dimensións mínimas de 400 por 90 metros correría o perigo de que os operadores marítimos puideran cambiar as súas preferencias, levando a reparar non so os megabuques, senón tamén os buques medianos, que son hoxe a base da súa actividade, a outros reparadores que contan con instalacións acaídas para reparar toda a súa flota. É o que se coñece como alternativa de servizo completo nos manuais de estratexia empresarial.
A construción do novo dique ten tamén unha importante compoñente dende o punto de vista socioeconómico, que debería ser o máis importante para os políticos ferrolterráns que din representar á cidadanía. Permitiría conservar emprego industrial nunha cidade e unha bisbarra afogadas polo paro e que de non mudar o seu rumbo está condenada a un dramático despoboamento.
Dique flotante ou seco? Aínda que sei me sitúo nunha posición heterodoxa fronte á sostida pola maioría dos axentes sociais de Ferrolterra, insisto na miña idea do dique seco. Segundo especialistas sería posible nos terreos da actual Navantia, eliminaría incertezas sobre o custe final, diminuíndoo nun 50% ou máis. Facilitaría o seu financiamento (non é o mesmo pedir un préstamo de 80 millóns de euros que un de 200 millóns de euros) e tería unha vida útil maior, un coeficiente de amortización e uns custes de operación e mantemento moito menores, permitindo aumentar de xeito significativo a súa rendibilidade.
Cuns beneficios de 4 millóns de euros acadaría unha rendibilidade do 5% e cuns beneficios de 10 millóns do 12,5%. Prantear dende os axentes sociais de Ferrolterra esta nova opción á SEPI permitiría ademais ofrecer unha alternativa fronte a Madrid e aos estómagos agradecidos que coas súas decisións políticas e manifestacións públicas parecen representar so aos que nos están magoando.