
Fai un balance «razoablemente positivo» dos tres anos como reitor
18 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Despois de media vida ocupando cargos destacados na Universidade da Coruña (UDC), Xosé Luís Armesto (A Coruña, 1948) confesa que foi un pouco duro asumir as rendas do Reitorado. «É certo que o cambio de vicerreitor a reitor é diferente, e custoume uns meses adaptarme. Pero, despois destes tres anos, estou en boa velocidade de cruceiro e razoablemente ben», afirma. Esta semana entrou na recta final do seu primeiro mandato á fronte da institución académica, un ano que encara con moita ilusión e ganas de seguir traballando.
-¿Como comezou o ano?
-Moi parecido a como acabamos o outro. Non houbo moitas novidades. Tivemos esta semana unha reunión da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE), e o único que nos informaron é de como van os reais decretos que están pendentes de aprobación do Consello de Ministros.
-Pero os reitores os opoñedes a ambos.
-Si, foron os que tiveron un informe desfavorable unánime de todos os reitores. Un dos decretos é a lei de flexibilización de graos, coñecida popularmente como a volta ao 3+2 (tres anos de duración do grado e dous do postgrado), e outro sobre o tema de acreditación de profesorado e avaliación de centro.
-Non se avanzou nada.
-Non hai novidades, o único é que pode adiantarse a febreiro a publicación deses decretos, a pesar de ter a todas as universidades en contra. Cun informe desfavorable unánime de todos os reitores das universidades españolas, tanto públicas como privadas, ten que darlle que pensar a un ministro de que non o está facendo adecuadamente.
-Esta semana se cumpriron tres anos do seu nomeamento como reitor, ¿que balance fai?
-Pois un balance razoablemente positivo, dentro dunha situación e unha conxuntura moi adversa. Puxemos sempre por diante ás persoas e ó servizo público de ensino superior; e sobre todo, dentro das persoas, aos estudantes que son o máis importantes Desde o primeiro momento pelexamos porque non houbera subida de taxas, e a día de hoxe, somos a comunidade autónoma coas taxas máis baixas. É una cousa positiva, tamén é verdade que é competencia da Xunta, pero que se fixo co acordo das tres universidades. O valor máis importante que hai hoxe en día é a formación, e todo o que se invista en formación é unha gran inversión. Ademais, todo o que podamos facer para que se poida acceder en igualdade de oportunidades é o mellor servizo que lle podemos ofrecer á sociedade.
-Falando de formación, sempre hai un debate coas titulacións con menos estudantes.
-A min me preocupa máis onde temos máis estudantes. En Medicina hai unha gran demanda social, ao igual que aquí en Enxeñaría Informática, onde facemos un esforzo tremendo para ofertar 240 prazas de novo acceso. Hai é onde temos que facer o noso esforzo de formar a novos profesionais que demanda a sociedade. Que temos pouca demanda en Humanidades, pois tampouco debería pasar nada, porque é un custe e un investimento asumible para a sociedade, porque tamén son importantes os titulados en Humanidades, os filósofos, os matemáticos...
-¿Houbo máis obxectivos cumpridos?
-Outros dos retos que nos marcamos para estes anos foron a internacionalización e a aposta pola investigación e pola xestión electrónica, e neses tres campos dimos avances importantes. No tema da internacionalización, cos mestrados internacionais e os dobres grados, que para o curso que ven temos pendentes un con Gales do Sur e outro con Australia. En investigación, estamos tendo resultados, e este ano por primeira vez crecen os orzamentos polos fondos que captan os nosos investigadores en concursos competitivos e estamos xa nos 13,5 millóns de euros, que é unha cifra relativamente importante. E a sede electrónica se puxo en marcha esta semana. Estamos avanzando en temas que eran fundamentais e estratéxicos para a Universidade da Coruña.
-¿Que queda por facer neste último ano de mandato?
-Sempre quedan moitas cousas por facer. Hai un par de temas que quixera pechar: que é o tema da residencia e o de Medicina.
-¿Como van os trámites para ter una residencia na cidade?
-Van máis lentos do que eu quixera, pero van. A ver si concretamos nun convenio coa Deputación e co Concello a única opción que estamos valorando -o colexio Calvo Sotelo-. Agora a Deputación está facendo un anteproxecto para saber como sería esa adaptación, o custe que tería e como imos a avanzar.
-E, ¿hai avances no tema da docencia de Medicina?
-Se están dando pequenos pasos, e agora a ver se concretamos o convenio de colaboración entre as universidades de Vigo e Santiago para a docencia do grado de Medicina con profesionais da Universidade da Coruña. Temos borradores na mesa, estamos traballando, e a ver se en poucos meses podemos facelo público e que sexa unha realidade.
-¿Será realidade o próximo curso?
-Si, si. Ben, todo o seguro que poden ser estas cousas. Sempre que falo disto me acordo da canción do Celta de Vigo que di: «Sempre andas dicindo para o ano que ven, e chega outro e pasa tamén». Pero tamén podemos botar man doutra frase lapidaria: «Cada vez queda menos para todo, e para iso tamén».
xosé luis armesto barbeito reitor da universidade da coruña
«Un informe desfavorable de todos os reitores ten que darlle que pensar ao ministro»
«Estamos avanzando en temas que eran estratéxicos para a Universidade»