Un amigo dos que anda a promocionar A batalla de Brión estivo en Lugo na festa de Arde Lucus. Veu emocionado non tanto de ver romanos como de ver a case toda unha cidade «xogando» coa historia. Tamén contan os disfraces. Roma en uniformes é moito. Despois de ver romanos a embute pasou por Ponferrada e presenciou a noite templaria e os fogos artificiais do castelo. En Ponferrada lévase moito o dos templarios, aos que se cre case fundadores da vila. Tamén é verdade que os novos templarios non fan voto de castidade como daquela.
Como esta noite coincide coa cereixa os templarios gañan en finura e graza. A cereixa no Bierzo é unha relixión de verán. O botillo élle de inverno. En Cacabelos tiran de romanos. Alí cae nada menos que Bergidum Flavium e a simple vista albiscan as minas de ouro, as Médulas. Teñen o dos templarios de Ponferrada como cousa menor e medio bárbara.
Os pobos ferven con estas festas de orixe e de fundación. Os historiadores serios desespéranse porque non hai rigor histórico. En Cacabelos cando un procónsul mandou baixar por seguridade á plebe astur do castro douroulles a píldora dicindo: Fágovos doazón deste val fermoso que en latín se di Caucus bellus. E de aí Cacabelus.
Os romanos tiñan un pico de ouro. Os de Viladecans, Calamocos, Cabañas Raras, La Borreca e outros andan detrás de algún romano «pico de ouro» para bautizar con elegancia os seus nomes. Os da rúa Matacristianos rebuscaron na historia e atoparon un mouro malvado. Pero non cola.