Saber tocar teclas

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

31 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Romay Becarría foi presidente da Deputación e conselleiro de moitas cousas. Romay mandaba moito. Lembro que cando era o conselleiro de Agricultura, os incendios devoraban o monte galego. Galicia ardía. Nada novo. Pero aquel ano o lume era dantesco e a oposición atacaba rexo a Romay. A min aquel ataque parecíame un despropósito. Escribín un pequeno artigo dicindo algo así: «nestes días o home máis triste de Galicia é o noso conselleiro. Agora toca apagar o lume, apoiar ao conselleiro e despois falar».

Recibín axiña unha carta de agradecemento de Romay. Cando andabamos a crear o Conservatorio Municipal de música tan só contabamos con dous votos a favor: o meu e máis o de Santi Bellón. Santi Bellón traballaba con finura ao P.C. Eu non era tan fino co PSOE. Chamei a Romay Beccaría para pedirlle axuda. Expliqueille o asunto do Conservatorio e as dificultades políticas para sacalo adiante. Cando chegou o pleno había votos. Os Pais de alumnos visitaran aos partidos políticos e tamén acadaron apoios firmes. Ás veces non daba sabido como saían adiante as cousas pero estou seguro que Romay algo tivo que ver na música. Hai tempo que non vexo a Romay.

Sei que aínda está en activo e moi activo. O meu artigo contra o lume e non contra o conselleiro de Agricultura foi positivo. Unha lección que aprendín de carambola. Ao final ¿qué era o importante? Meterse co conselleiro ou apagar o lume? A creación do Conservatorio de música dependía de dar un rodeo e tocar teclas. E aí está.