Alimentos de optimismo

Xan R. Silvar EN POSITIVO

FERROL

01 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O martes, este diario recollía unha interesante visión do optimismo, como forma sanadadora de afrontar as probas da vida. Ao parecer da ciencia, como moitos intuíamos, unha actitude optimista reforza mecanismos fisiolóxicos favorables para resolver dificultades, mentres que os enfoques pesimistas so axudan a crear ambientes hostís, e sufrimento ao pesimista e a súa contorna. Lonxe de sentencias ao xeito de «un pesimista é un optimista ben informado», o coñecemento, a información -abafadora hoxe, de tantas fontes- pode pesar en negativo si o xeito da actuación é pesimista, ou pode paliarse si aprendemos a ser optimistas. Que o optimismo se pode aprender e practicar, a escala persoal e colectiva, como o están a facer en Holanda, país cualificado no National Geographic de este mes como o «Food Valley», en analoxía coa informática, para subliñar o feito de que este pequeno país de corenta mil quilómetros cadrados e 17 millóns de habitantes, sexa o segundo no mundo en valor de alimentos producidos, tan so por detrás de EE.UU. Con tecnoloxía propia, promovida na universidade de Wageningen, o «Stanford» da agrogandeiría moderna. O resultado, un consumo mínimo de recursos, máxima produtividade e mínimo uso de pesticidas e outros químicos usados resto do mundo. Como o fan? Sendo optimistas, apostando pola captación de intelixencia -a metade dos seus estudantes de postgrado veñen de países con perigo de fame- e a colaboración con pequenos produtores locais. O reto, dar de comer a unha humanidade de máis de 7,5 mil millóns, sen envelenala. Podería Galicia (2,7 millóns de habitantes nuns 30 mil km2), unha pequena Holanda, facer ese camiño? Sexamos optimistas así!