Villoslada

Eva M. Montero O BAÚL

FERROL

06 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Non me gusta nada poñerme nas fotos de perfil. Fóra ironías, valoro á xente que dá pasos á fronte, que se molla nos procesos e que, mantendo o respecto, sitúase sen ambigüidades. Así que trato de facer o propio, por convicción e algo tamén por xenética E por iso é polo que, con vistas ás primarias que se celebran este domingo no PSdeG, non poida agochar un apoio público a Juan Díaz Villoslada, á vez que, partindo deses mesmos principios, respecte profundamente a aquelas persoas que fan o propio co candidato que queda, Gonzalo Caballero, despois dun cuestionado pacto con Xoaquín Fernández Leiceaga .

Por que apoio a Villoslada? Por coherencia, principalmente. Se queremos un PSdeG renovado, que prosiga a senda iniciada, non sen sufrimento e traballo, por Pedro Sánchez; se queremos avanzar nun socialismo de esquerdas, galeguista e moderno; e se queremos levar a cabo unha rexeneración das nosas agrupacións e institucións, Juan Díaz Villoslada é, baixo o meu punto de vista de militante de base, o único garante.

E dende o mesmo respecto á executiva local -e afecto incluso a persoas que se integran nela-, tamén a opción de Villoslada vai nesa liña de cambio que penso que a agrupación ferrolá precisa para poder converterse de novo nesa ferramenta necesaria, determinante e decisiva para a nosa sociedade e o noso concello. Precisamos aire novo e un proxecto progresista e ilusionante de cidade para recuperar a confianza perdida por boa parte da veciñanza. Con ese convencemento, o domingo irei votar a Villoslada, pero tamén coa crenza de que, pase o que pase, o que debe gañar por enriba de todo é o PSdeG.