Xa está aquí, unha vez máis. Milleiros de actores están, cada curso, ao servizo dun complexo sistema para a atención do alumnado e as súas familias: profesorado, persoal de administración e servizos, de atención a comedores escolares, de servizos varios, transporte escolar, persoal dos concellos, das administracións autonómica e central.
Ese tesouro escaso, os escolantes de cada xeira, move unha cantidade importante de recursos na nosa sociedade. Un esforzo importante no económico e profesional para atender, formar e educar á poboación de 6 a 12 anos, idades de escolarización obrigatoria; moitos pícaros menores de seis enchen a oferta de garderías, e outros milleiros de alumnos e alumnas cursan ensinanzas postobrigatorias, nos bacharelatos e ciclos de formación profesional.
Resulta difícil explicar con detalle o encaixe de palillos preciso para facer funcionar un sistema tal, onde cada elemento depende doutros relacionados, a xeito de tea da araña tridimensional, que empeza a tecerse cando remata cada curso. Concursos de traslado resoltos, oposicións para renovar o persoal, resultados da avaliación do alumnado, moreas de papeis para profesorado e servizos administrativos, se cadra obras nos centros, son o epílogo dun curso e o preludio do seguinte. Atrás quedan incontables horas de ilusión, de esforzo, de decepcións ou ledicias, que van labrando cada personalidade, cada proxecto persoal. Formar parte desa experiencia, tan colectiva como persoal, é un reto para a comunidade escolar dos centros; para cada escolante é unha experiencia irrepetible. Como sociedade temos o reto de preparar e fertilizar esta terra galaica para que os froitos desa formación agromen aquí.