Erro

Eva M. Montero O BAÚL

FERROL

22 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Complicar as cousas vai implícito á condición humana. Esta máxima pódese aplicar a todos os ámbitos da vida, pero me vou cinguir ao caso concreto das instalacións de FIMO. Resulta que na zona da Malata sitúanse unha serie de instalacións deportivas de importancia para a cidade: desde o estadio de fútbol, cos seus respectivos campos de F-7, ata o pavillón polideportivo, pasando por pistas de atletismo ou de pádel, entre outros espazos. E resulta tamén que entre as devanditas instalacións atópase FIMO, un antigo recinto feiral de 25.000 metros cadrados -15.000 de superficie cuberta repartidos en cinco pavillóns e dous auditorios de 244 e 566 butacas-, que leva anos nunha situación de semiabandono a non ser pola utilización desde 2017 de tres pavillóns para adestramentos deportivos. Con estes «ingredientes», o lóxico sería aproveitalos e avanzar nesa cidade do deporte da que tanto se fala pero non se executa, adaptando os pavillóns á práctica deportiva e á celebración de campionatos de relevancia, con auditorio para eventos e congresos, e oficinas para sedes de federacións e clubes locais. Sen dúbida, unha oportunida excelente ao alcance das nosas mans para reivindicar o deporte como elemento dinamizador en Ferrol, tanto como modo de vida saúdable como ferramenta de diversificación económica.

Pero non, o actual goberno municipal, a escasos meses das eleccións, decidiu por en marcha a Escola de Mobilidade, un inmenso erro polo momento elixido e por optar por un uso para FIMO que non semella ser o máis natural. Espero que aínda esteamos a tempo de mudar as cousas. Nas nosas mans está.