Aínda que pontificar é falar ex cátedra, na confianza e fe de que non te vas confundir, a palabra pontífice procede de «facer pontes». O bispo de Astorga Osmundo fixo a ponte do meu pobo. Do mellor que fixo na vida. Os peregrinos moito agradeceron o detalle e a «Puebla» naceu así a ambos lados da ponte con familias xudeas.
En fin, que prefiro falar de pontífices que fan pontes antes que desa actitude soberbia que é pontificar. Pontificamos moito. Nestes tempos (e máis noutros tempos) e os nosos pontífices pontificadores moito fartan.
Volvo ao noso Xelmírez, que moito pontificou pero tamén moito edificou e amañou e administrou. A primeira traída de augas de Galicia foi a de Santiago. Xelmírez construíu un acueduto, un pouco cativo, certo, pero acueduto, e unha canle de pedra e a cachos de madeira reforzada con aros de ferro e chumbo. A auga caía fresca e limpa nunha cunca xigante da praza de Azibechería, fronte a san Martiño Pinario, que tamén tiña unha toma da traída.
O cronista Xiraldo, francés, conta que o director de obra foi o tesoureiro Bernardo, seguramente outro francés. Conta que o arcebispo traballou no tema: rogando, exhortando, avisando e ordenando. Tropezou con intereses privados: os dos vendedores de auga, os dos hostaleiros e os de outros que tamén se opoñían á obra.
Porque a auga foi para todos e de balde, claro que se aconsellaba deixar boas esmolas ao santo Apóstolo. Aínda podemos ver o acueduto e as caixas de rexistro, coma petos de ánimas, por onde vai a canle da traída.