Capitalidade

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

17 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Moitos lembramos, como se tivéramos asistido a un sainete buffo, o conflicto de intereses pola capitalidade. Elixir Santiago non foi doado. Os coruñeses sufriron unha depresión, mais superaron logo o trauma. Son xente dura os coruños. Gozan de boa autoestima, herdada de María Pita. En España temos o caso de Felipe III e o seu valido o Duque de Lerma. O Duque mercara solares, rúas enteiras en Valladolid e convenceu ao rei para que trasladara a capitalidade de Madrid á cidade do Pisuerga. Vendeu solares aos nobres e buscadores de empregos de curia e corte. Un pelotazo urbanístico de manual. Aquel duque de Lerma para escapar da xustiza por corrupto acadou o capelo cardenalicio. Cantábase por toda España: «El mayor ladrón de España por no morir ahorcado se vistió de colorado». As capitais de imperios, de reinos, repúblicas, comunidades autónomas, provincias son un choio de desvíos presupostarios. Ningunha deputación provincial sabe o que é unha reconversión. Ferrol ou Ponferrada saben ben o que significa non seren capitais de provincia. Madrid, capital do reino estivo a piques de non selo, cando Felipe II visitou Lisboa. Pero daquela xa andaba coas obras do Escorial e tiña, ademais da gota, querencia pola meseta. Recomendo a Madrid que teña prudencia porque calquera día o sistema pode ter a xenialidade de montar un referendum para elixir por turnos a capitalidade. Nestas cousas nin Paris ten seguro o posto. O chotis de «Te haré emperatriz de Lavapiés» pois depende.