Paisaxes feitas de letras e de soños en Ferrolterra, Eume e Ortegal

Ramón Loureiro Calvo
ramón loureiro FERROL / LA VOZ

FERROL

Un paseo polas luces dos territorios literarios nos que se dan a man a beleza do entorno e forza da creación

25 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Non sei se estarán vostedes de acordo comigo, pero a min paréceme que hai poucas maneiras máis fermosas de achegarse a unha paisaxe que camiñar por ela da man da literatura. E iso serve tamén para as paisaxes que un mesmo habita, para as máis queridas. Porque, como xa tantas veces se dixo , toda paisaxe é, en esencia, unha emoción. Para adentrarse no territorio das marabillas non hai que ir ao outro lado do mundo, como ás veces se pensa. Sen lle restar mérito ningún ás andanzas de Marco Polo, convén lembrar que ao pé da porta tamén temos paraxes nos que toda luz é unha maxia. Cousa da que a propia literatur, ten dado testemuño xa.

Así que esta de hoxe é unha excelente ocasión, ¿non lles parece?, para dar un paseo -por exemplo- polo Serantes no que naceu todo un Premio Cervantes, Gonzalo Torrente Ballester. ¿E que dicir das Pontes de García Rodríguez, lugar no que o fermoso país do Eume anuncia a cercanía da Terra Chá e no que naceron os versos de Medos Romero?

En Doniños, lugar de lendas que falan de cidades mergulladas, ten a súa cerna a literatura de Guillermo Llorca Freire e de Ánxela Loureiro. En Neda seguen vivos todos os versos de Fernando Esquío. E no corazón das fragas do Eume resoa a poesía de César Antonio Molina, que cada ano, chegado este tempo de verán, volve a Caaveiro.

A forza da creación

No municipio da Capela residía, durante boa parte do ano, o escritor chairego Xabier P. Docampo, un dos grandes narradores galegos (e, todo sexa dito de paso, un home dunha xenerosidade infinita e un extraordinario conversador). Un verdadeiro mestre, no máis amplo dos sentidos da palabra, para o que en xustiza habería que pedindo xa, de cara ao futuro, un Día das Letras Galegas.

Por Ortigueira segue camiñando a sombra de Cunqueiro, que viviu alí, tras deixar Mondoñedo, compaxinando a escrita literaria e xornalística co seu traballo como mestre nunha academia. Fene é un espello dos versos de Parallé, como Teixido o é da fe de Otgero Pedrayo. En Xuvia, onde o Río Grande se fai mar, nunha paisaxe que coñece moiben Xoán García e que garda viva a memoria do tamén poeta Xosé Crecente Vega, ten o seu epicentro a literatura de Vicente Araguas. Canido, o tan querido barrio ferrolán, é o territorio de escritores como Elia Rico, Henrique Dacosta e Antón Cortizas. Pontedeume inspirou páxinas fermosísimas páxinas a Ramiro Fonte, que tamén agarda, na outra beira do río, pola concesión dun Día Das Letras (coma o xa mencionado Crecente Vega, que foi crego en Xuvia e en San Xiao de Narón). E Mugardos sempre estará unido á memoria de Agustín Fernández Paz, que desde alí non só fixo máis grande as letras de Galicia, senón que promoveu todo tipo de iniciativas destinadas a fomentar a lectura entre os nenos. Vaia desde aquí a nosa homenaxe tamén para el.