Luis Ángel Rodríguez, cura de Xestoso: «A Galicia rural está sometida a unha situación de abandono absoluto»

FERROL

kiko delgado

Di que, para entender a realidade, «os bispos terían que escoitar ao papa Francisco»

03 ago 2021 . Actualizado a las 21:29 h.

Coñéceno, sobre todo, como O Cura de Xestoso. Pero Luis Ángel Rodríguez Patiño (A Coruña, 1957) non só atende parroquias en Monfero (a do Val e a do Alto), senón tamén nos municipios de Aranga, Xermade e Guitiriz. Cousa que, na práctica, o leva a ser párroco en dúas dioceses diferentes (Mondoñedo-Ferrol e Santiago de Compostela) e en dúas provincias distintas. Estudou Filosofía, Teoloxía, Dereito, Dereito Canónico, Ciencias Políticas, Filosofía e Traballo Social, pero o seu coñecemento da condición humana naceu dunha vocación misioneira que o levou a traballar cos emigrantes españois en Londres, e adquiriu a súa verdadeira dimensión nunha Galicia rural que el defende con todas as súas forzas. Home de fondo sentido do humor, non elude a polémica. E leva moitos anos alzando a voz cada vez que considera que se está a cometer unha inxustiza, sexa no ámbito que sexa. Aínda que naceu e medrou nunha realidade decididamente urbana, o seu compromiso coas xentes do campo galego acabaron levándoo a interiorizar, co maior dos entusiasmos, a alma dunha Galicia que, contra vento e marea, se continúa en pé é porque as súas raíces veñen, a través da historia, desde o fondo das idades.

-Vostede segue a reivindicar a Teoloxía da Liberación...

-Por suposto. Porque a Teoloxía da Liberación segue sendo fundamental na vida da igrexa, a pesar das críticas feroces que recibiu da xerarquía. Eu veño da Teoloxía da Liberación, e a Teoloxía da Liberación é o espazo no que eu me formo como misioneiro e como sacerdote. Cristo non só se ocupou da realidade espiritual dos que o ían escoitar. Tamén estivo moi pendente de que tivesen que comer, de que non pasasen fame e de que non se visen abandonados. Pois iso é, no fondo, a Teoloxía da Liberación: un pensamento que reivindica a presenza da igrexa no mundo real, día tras día. Pero unha presenza de verdade, entre os pobres. Outra cousa é que a política, ás veces, teña levado esa teoloxía por camiños que non son os seus, rematando en situacións tan tristes coma as que se están a dar en Nicaragua. Pero renunciar á Teoloxía da Liberación, especialmente hoxe, coa que está caendo, non ten sentido. Hai que estar do lado das persoas.

-Segue vendo hoxe á xerarquía católica desde unha perspectiva tan crítica como a viu noutro tempo?

-Non se trata da xerarquía en xeral. Trátase dunha certa xerarquía. Eu, por exemplo, digo que para comprender Galicia os bispos terían que escoitar ao papa Francisco, que nos ensina a estar coa xente sempre, ao seu lado, non mirando todo desde a distancia. Iso é o que me enfada: que unha certa xerarquía pareza estar empeñada en ver o o mundo de lonxe.

-E é moi frecuente iso?

-Bastante máis do que parece. Pero por sorte aí está o Evanxeo, que nos recorda o que temos que facer e que, ademais, nos di con moita claridade que non podemos andar predicando una cousa e facendo outra.

-Que futuro lle agarda á Galicia rural?

-A Galicia rural está sometida a unha situación de abandono absoluto, que vai acabar condenándoa ao despoboamento total. Parece mentira que os políticos non entendan que un país non pode perder o mundo rural, porque se perde o mundo rural... perdeu todo!

-Como se pode frear ese despoboamento?

-Adoptando as medidas necesarias para que a xente poida seguir vivindo na Galicia rural. Vivindo e traballando. Pero parece que ninguén nos escoita...

«Gústame miralo todo con humor, non son dos que prefiren vivir na escuridade»

Di Luis que o humor, e sobre todo o «bo humor», para el é algo moi importante. Especialmente cando os días se volven máis difíciles. «Gústame mirar todo con humor -explica-, e non deixarme levar pola amargura. Non son dos que prefiren vivir na escuridade». «A min -engade-, gústame lembrar que a vida está chea de cousas boas, polo xeral moi pequenas e sinxelas, polas que todos os días deberiamos dar as grazas».

-E iso que estes tempos son tan complicados...

-Moito. Moi complicados. Pero a pesar de todo temos que procurar estar alegres. E xa non só por nós mesmos, senón sobre todo polos demais. Hai que axudar no que se poida. Neste mundo, o mellor que se pode facer sempre é axudar. E sorrir, ou levarlles aos demais unha palabra de ánimo, tamén axuda moito ás veces.

-Que sería máis urxente, nestas circunstancias?

-A min paréceme moi importante aprender a enfocar os problemas dun xeito obxectivo, e buscarlles solucións. En cada circunstancia e en cada lugar.

-Como se fai iso?

-Buscando a verdadeira orixe dos problemas. Hai que ver por qué ocorren as cousas; e, se van mal, reflexionar sobre a maneira de darlles solución. Pero todo iso hai que facelo procurando sempre actuar coa maior obxectividade, acudindo á raíz dos feitos e sen deixarnos arrastar pola ideoloxía do poder.

-Que o preocupa hoxe especialmente?

-Preocúpanme moitas cosas. Por exemplo, que á xente do campo non a estean deixando vivir. Porque se de todo canto traballan, e de canto producen, o beneficio que lles queda é mínimo, practicamente nada, que poden facer? E, preocúpame, tamén, que nestes tempos de pandemia o medo nos faga máis insolidarios.