Amparanoia triunfa con luz, calidez e ritmos tropicais

gala dacosta / A.U. FERROL / LA VOZ

FERROL

amparanoia ferrol
CARLOTA LÁZARO

A banda encheu de optimismo e música fusión a praza de Armas no segundo concerto dos festexos da cidade

24 ago 2021 . Actualizado a las 17:24 h.

Nunha noite de lúa chea amarelísima e vento xa fresco de finais de agosto Amparanoia soubo aproximarse ao público ofrecendo luz, calidez e ritmos tropicais. A música fusión atraeu ata a praza de Armas a un público maioritariamente adulto, que probablemente escoitaba o grupo a finais dos noventa e inicios dos dousmil, cando as orixinais propostas musicais de Amparo Sánchez comezaron a arrasar tanto en España como fóra.

Con todas as localidades reservadas, aventúrome a pensar que a baixada das temperaturas foi o que ocasionou que non se cubrisen a totalidade dos asentos. Aínda así, o público mantivo os ánimos arriba tan pronto como oíu a voz en directo da vocalista.

O escenario é fundamentalmente feminino e as letras teñen unha clara vontade reivindicativa. Nos últimos temas cantan á Galiza Tropical e aos movementos feministas da América Latina. Fano ao son da cumbia, sen perder nunca o espírito. É música para todas e todos, queda claro dende a primeira canción, Mi genética, ata a última, Que te den.

«Igualdad para toda la familia humana», di Amparo. A mensaxe chega moi acertada, nun momento no que convén falar de unidade, pois os últimos acontecementos internacionais requiren esquecer por un intre as fronteiras políticas.

Nun momento dado, aproveita para agradecer ao público que estivésemos «aquí e agora», gozando do concerto e acompañando a este grupo de mulleres malia todo, malia o difícil que resulta ultimamente vivir no tempo presente e sentir a calidez dos outros.

Eu reparo no máis noviño dos espectadores da praza, un neno que non resiste a emoción e a nai ten que pedirlle que sente o cú no asento para non tapar a visión dos outros, pero a min non me molesta: transmíteme a alegría necesaria.