«Debémoslle moito a Rosalía e ás autoras que viñeron despois»

FERROL

JOSE PARDO

Ana Varela compaxina a tradución de textos xurídicos e literarios coa poesía

08 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A poeta e tradutora Ana Varela (Narón, 1978) publicou o seu segundo poemario no ano 2019, Onde nacen as hedras, co que gañou o premio da fundación Gonzalo López Abente. A autora di que comezou a escribir tarde, mais o certo é que, anos despois, o seu último libro continúa a darlle alegrías. Este mes será a escritora convidada no Foro Galego Literario de Valdoviño o día 27.

—Onde nacen as hedras é o relato dunha perda, pódenos explicar un pouco máis deste poemario?

—É un poemario cun fío narrativo. Pódese ler individualmente cada poema ou nun conxunto. Hai unha perda individual, pero non quería que fose unha experiencia persoal, senón colectiva e con varias capas de lectura, que se puidese ver a dó pero tamén como afecta iso á familia, a unha casa, a un tipo de vida que está esmorecendo. A perda é universal, ao final.

—A linguaxe que empregas é delicada e natural, hai que abordar así a perda?

—A linguaxe na escrita, pero sobre todo na poesía, debe ser coidada. A poesía é moi libre, pero a forma ten que acompañar o contido. Unha determinada mensaxe require unha linguaxe determinada. Non quería que fose artificial, nin requintada, moitas veces a simpleza é o que dá elegancia. As pequenas cousas contan máis cás grandes, e o relato dos obxectos que se perden apórtanos esa visión máis facilmente.

—Cales son as súas influencias?

—Eu penso que sempre hai algo de todo o que se vai lendo porque durante o proceso de escrita te acompañan as lecturas. A min gústame sobre todo a poesía de mulleres, e en Galicia temos moitas moi boas, como Berta Dávila, Marta Dacosta ou Antía Otero.

—É cousa da lingua que haxa tanta riqueza poética en Galicia?

—Creo que temos o referente de Rosalía, que para a literatura foi unha muller transgresora. Abriu o camiño para as que viñemos despois. Eu creo que é un xénero que goza de prestixio e dos afectos do público, por iso tamén convida a que o escribamos.

—Por que a poesía está feminizada?

—Non sabería dicir, pero aquí debémoslle moito a Rosalía e ás que viñeron despois, como Xohana Torres co «nós tamén navegar» da súa Penélope.

—Cal é a maior complexidade de traducir poesía?

—Que son textos con moitas capas. Ás veces pérdense significados e musicalidade. No caso da tradución ao castelán que fixen de Antía Otero había moita comunicación e as escollas foron dialogadas. Hai unha riqueza na lingua que moitas veces das por suposto ao traducir a idiomas tan próximos. Ti podes pensar que todo é semellante, pero non o é: hai moitas referencias culturais que acaban perdéndose.