Nieves Martínez Lago: «Ser oncóloga é especial: estableces un nexo moi importante cos pacientes»

FERROL

A nova especialista do CHUF di que «sempre estiven en grandes hospitais, buscaba un proxecto máis familiar»
05 ene 2023 . Actualizado a las 23:39 h.Nieves Martínez Lago publicaba o pasado dous de xaneiro un tuit no que anunciaba «novo ano, novos proxectos: hoxe tomei posesion da miña praza como oncóloga médica no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol». Dous días máis tarde xa está volcada no centro de día do CHUF e apenas ten un intre durante a mañá: «Son días de poñerse ao día, chego tarde a casa porque hai tantas cousas que ver... Son oncóloga médica con especial dedicación, desde o ano 2015, o ámbito dos tumores dixestivos e neuroendocrinos».
—Por que elixiu Ferrol?
—Durante toda a miña traxectoria profesional traballara exclusivamente en hospitais grandes. Buscaba un novo proxecto máis familiar, no que existise maior proximidade entre os profesionais das distintas especialidades.
—Que metas se marca?
—A miña principal meta sempre e a mesma, independente do centro no que me atope: que os meus pacientes vivan mais e mellor. No referente a esta nova etapa en Ferrol, espero poder aportar a miña experiencia previa no ámbito dos tumores dixestivos e neuroendocrinos...
—O dixestivo é un dos cancros que máis pode medrar polos malos hábitos de saúde?
—Os tumores dixestivos son un dos grupos de tumores máis incidentes na actualidade e encóntranse directamente cos nosos hábitos, tanto alimentarios como coa actividade física. Así, o sedentarismo xunto con unha dieta rica en graxas animais e pobre en fibra, caracterizada polo consumo de alimentos procesados e baixa inxesta de froitas e verduras, o consumo de alimentos en salazón ou afumados, así como o consumo de alcohol e tabaco asócianse cun maior risco de desenvolver tumores dixestivos. Ademais recentemente, un estudio demostrou a redución do risco de cancro colorrectal asociado a unha dieta equilibrada e o exercicio físico regular.
—Que avances incorpora a área que pensa que poden ser bos?
—Respecto aos novos avances, creo que o que todos desexaríamos en primeiro lugar sería o diagnóstico precoz de estes tumores. Sabemos que si os detectamos en estadios moi iniciais case o 100 % dos tumores van a ser curables. Por dito motivo e moi importante participar en programas de cribado como a mamografía ou o de sangre oculta en feces, no que a Area de Ferrol foi pioneira na súa implantación.
—Cales lle gustaría que chegaran?
—Desexo o desenrolo de novos tratamentos eficaces para os nosos pacientes que permitan aumentar os porcentaxes de curación e a supervivencia dos mesmos.
—É duro ser oncóloga, como se protexen ante o sufrimento que ven a diario?
—Ser oncóloga é especial: o mesmo tempo moi duro e moi gratificante. Estableces un nexo moi especial cos nosos pacientes, na que o oncólogo ten un papel de acompañamento durante todo o proceso desde o diagnóstico e durante toda a evolución da enfermidade. Sen embargo, durante este proceso hai momentos moi duros nos que as noticias non son boas e costa, claro que costa.
—Que é o que máis lle gusta da súa especialidade?
—Si tivera quedarme co que mais me gusta da miña especialidade hai dous aspectos fundamentais: por unha parte estamos ante unha especialidade dinámica, que avanza día a día, e que a nivel mental che cambia a vida, dado que aprendes a ver o que de verdade é importante e deixas de preocuparte por asuntos menores.
—E o que menos...
—Que, desgraciadamente, a data de hoxe non podemos curar a todos os pacientes.
«Uso as redes sociais para axudar cos tratamentos e estamos creando unha aplicación»
Nieves Martínez súmase ao gran número de facultativos da Área Sanitaria de Ferrol que usan as redes sociais para conectarse con outros colegas e, en especial, cos enfermos. «Para min foron unha táboa de salvación durante a pandemia e agora percátome do poder divulgador que teñen: eu uso as redes sociais para axudar cas dúbidas que poden xurdir cos tratamentos e estamos creando unha aplicación precisamente para este acompañamento», conta unha especialista que está encantada cos primeiros días no CHUF. «Os pacientes son estupendos, tamén o eran os de Coruña, pero estou moi contenta». Nieves aposta pola divulgación nas redes para combater pseudoterapias que moitas veces complican os tratamentos: «Todos podemos facer unha gran labor eu poño de bo exemplo a de Elena Huelva como enferma de cáncer divulgadora».
Quen son?
«Un resumo da miña traxectoria: Nacida en 1985, en Muros de San Pedro (A Coruña). Licenciada en Medicina e Ciruxía pola Universidade de Santiago de Compostela en 2008. Médico interna residente no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela no período 2009-2014. Doutora en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela en novembro de 2017. Desde 2015 hasta decembro de 2022, médico especialista en oncoloxía Médica no Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña. Tras obter praza nas oposicións, incorporeime o pasado 2 de xaneiro de 2023 no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol».