Os arquitectos do estudio AnsedeQuintáns falan dos seus proxectos este xoves en Ferrol
FERROL

A conferencia enmárcase dentro do ciclo «Al Norte»
30 mar 2023 . Actualizado a las 11:24 h.A delegación do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) celebra este xoves a terceira xornada da primeira edición do ciclo de conferencias «Al norte». A charla corre a cargo de AnsedeQuintáns Arquitectos, os arquitectos Cristina Ansede e Alberto Quintáns, ás 19.00 horas, na sala de exposicións da delegación (Avenida de Esteiro 129, baixo. Ferrol).
AnsedeQuintáns Arquitectos é un estudio creado en 2003 por Cristina Ansede e Alberto Quintáns tras unha traxectoria persoal de traballo nos Estudios de Renzo Piano en Berlín e Alfonso Penela en Vigo.Comezaron a súa andaina obtendo bos resultados en concursos de ámbito nacional e internacional como o Celebration of Cities (Vigo), Concurso Thyssenkrupp para un edificio-ponte sobre o río Ebro (Zaragoza), o Concurso para a construción do Centro de Saúde de Galeras (Santiago de Compostela) ou o Concurso para a rehabilitación do Antigo Cinema París (Muros).

A cabalo entre Santiago de Compostela e Vigo, a súa carreira orbita ao redor da vivenda unifamiliar e a restauración e rehabilitación. Estes dous ámbitos conflúen nunha das súas especialidades, a rehabilitación de vivendas en centros históricos, da que contan con varias obras tanto en Santiago como en Vigo, merecendo unha mención especial a rehabilitación de vivenda unifamiliar na rúa compostelá do Sar, finalista nos premios COAG 2021.
Dentro das súas intervencións en bens patrimoniais, destacan a restauración do Pazo de Fefiñáns (Cambados) en 2008, a reurbanización da contorna da Igrexa de San Fructuoso (Santiago de Compostela) en 2009, o proxecto de rehabilitación do Concello de Baiona en 2017 ou a restauración do Convento de Santo Antón de Herbón (Padrón), terminada en 2021.