Leilía iniciará este domingo a súa gran xira de despedida dende o teatro Jofre

La Voz FERROL / LA VOZ

FERROL

Espectáculo de Leilía
Espectáculo de Leilía Cedida

A formación tamén presentará en Ferrol o seu último disco 'Vidas Cantadas'

23 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende o seu nacemento en 1989, o grupo Leilía ofreceu durante máis de tres décadas o mellor da tradición oral galega nos escenarios de medio mundo. E agora despídese nunha gran xira que se inicia en Ferrol este domingo co espectáculo Anque me vou non me vou, e co seu último disco Vidas Cantadas. A cita no teatro Jofre será ás 20.00 horas. E as entradas gratis poderán collerse en taquilla dende onte e ata o venres de 11.00 a 13.00 horas e de 18.00 a 20.00 horas, o sábado pola mañá de 11.00 a 13.00, e o domingo pola mañá de 11.00 a 13.00. Tamén poderán recollerse pola tarde dende dúas horas e media antes do inicio do concerto.

A formación foi creada por Felisa Segade, Montse Rivera, Merchi Rodríguez, Patricia Segade, Ana Rodríguez e Rosario Rodríguez, «cunha aposta pioneira e atrevida para recuperar do esquecemento a tradición oral galega». Pandeiretas e voces uníanse a latas, sachos, tixolas... «tal como se facía nas aldeas galegas cando se xuntaban as mulleres para se divertiren».

Cun espíritu de defensa e orgullo da cultura galega, despídense con estos concertos e o disco para «pechar o círculo». Atrás quedan «ilusións, premios, colaboracións, recoñecementos, viaxes, amizades..., e un sen fin de vivencias que nos fan sentir agradecidas e orgullosas do que Leilía significa para cada unha de nós e tamén para a música deste país».

Os seus numerosos devotos teñen así esta última oportunidade para gozar coa súa música no emblemático teatro Jofre de Ferrol.