Roberto Vilar: «Vivín en Caranza porque xoguei no OAR, eu flipaba co baloncesto de Ferrol»
![Patricia Hermida Torrente](https://img.lavdg.com/sc/Dp_CtMK3HpcLUmCr5ONJt1NsSZA=/75x75/perfiles/1673346721401/1706870876625_thumb.jpg)
FERROL
![O humorista Roberto Vilar](https://img.lavdg.com/sc/frpq8DzIGOT4mjQsIK4KyuWGrbI=/480x/2025/01/29/00121738164841773706892/Foto/I_20240615_095352000.jpg)
O famoso «showman» actúa este sábado no Auditorio con «Continueixon»; afirma que con Land Rober amosou que «un neno de aldea pode ser presentador de televisión ou xogador do Real Madrid»
30 ene 2025 . Actualizado a las 23:28 h.Dunha aldea de Xove a ser o showman con más audiencia de Galicia, transformando o Land Rober nun clásico da televisión. Roberto Vilar (San Cristobo, 1971) amosa que todos os Balbinos poden chegar ao cumio do mundo coa máis fermosa das profesións: facer rir a xente. Para o espectáculo Continueixon este sábado no Auditorio de Ferrol (ás 20.30 horas con entradas en www.robertovilar.com), promete sorpresas como invitados top e ataques de gargalladas entre os espectadores.
-Dígame algo bonito de Ferrol.
-Pois é moi curioso, eu actuarei no auditorio de Caranza. E resulta que vivín medio ano en Caranza porque xoguei media tempada nos cadetes do OAR en Ferrol. Tiña un primo chamado Maíto Vilar que xogou no equipo e anos despois cheguei eu, aínda que sendo moito máis malo. Foi no ano 1987, eu tiña 16 anos.
-E que recordos ten daquela época?
-Que Nate Davis era brutal, eu flipaba con el e aínda hai pouco estivemos xuntos. Para min Ferrol é baloncesto e eu flipaba co baloncesto desa cidade. Teño recordos moi bonitos. Iso si, nos anos 80 en Caranza había de todo, ollo (risas).
-É moi importante sentir orgullo de onde un nace, tal e como amosa no seu actual espectáculo?
-Sexas de Sillobre ou de Valdoviño, ti tes que sentir orgullo porque ademais terás un sentido de humor especial por ese lugar. Eu nacín nunha aldea e iso marcoume, na comedia explico esa especial maneira de sentir o humor, de que nos riamos de pequenos.
-Teñen os galegos ese humor especial, vinculado á terra e á vez á morte?
-Sánchez Dragó di que Galicia ten sentido do humor e Andalucía sentido do chiste. Galicia é o sitio de España con máis sentido de humor, pero non o amosamos. Era como os nosos avós que vestían de negro e tiñan moito sentido do humor, pero parecían serios.
-Para animar ao público, dixo que a Ferrol traería a alguén especial e mesmo que podería aparecer Isabel Pantoja.
-A ver, na última actuación nesta cidade trouxen a Eva Iglesias. Quero que pase algo co que non conte o espectador. Só podo dicir que será un coñecido meu, un amigo. O resto é segredo.
-Miguel Lago, tamén amigo seu, afirmou recentemente que vostede é o noso Jimmy Fallon.
-Pero que loco! (risas). Distíngome do resto dos humoristas en que estou totalmente namorado da televisión, fun criado na tele (como presentadores como Jimmy Fallon)... por iso faime especial ilusión chegar agora aos teatros.
-O formato deste espectáculo, que dá continuidade ao anterior «Celebreixon», é tipo Land Rober?
-Celebreixon tiña unha liña musical pero o novo espectáculo está máis achegado a Land Rober, porque hai máis interacción co público.
-É consciente da compañía que fai a tele sobre todo para os que viven sós, hai xente que o considera como un familiar?
-Coa televisión entras nos salóns das casas, e iso dá unha familiaridade que con outros xéneros non tes. Máis ben xa és como un veciño. Pero tamén no teatro estás a catro metros e continúas sendo para o público como un veciño, pero coa responsabilidade en directo de que a xente se ría.
-Ten máis medo escénico nos teatros entón?
-Por suposto, na tele tes moita xente traballando. Pero no espectáculo teatral ti es o responsable directo de que a xente se ría, o obxectivo é ter hora e media a todo o mundo rindo.
-Hai xente que aínda recorda con dor de barriga aquel mitiquísimo gag dos vampiros nunha oficina bancaria, en Land Rober.
-Jajajaja. Ninguén sabe de onde se sacaban esas ideas. Levamos 16 anos facendo gags e aseguro que non sei de onde saen tantas toterías (risas).
-Se lle din de pequeno en Xove que acabaría sendo un gran showman con records de audiencia en Galicia...
-Eu nacín nunha aldea e a mensaxe que se nos daba era que se nacías nunha aldea non serías presentador ou cómico, e nos enganaron con iso. Amosei que sendo de aldea podías facer o que queiras, podes ser presentador de televisión ou xogador do Real Madrid. Tiven sorte, rodeeime de xente con moito talento e así levo 30 anos. Como di o meu pai, tanto tes que traballar para non ter que traballar...