
Na cerna da tradición musical
20 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello de Narón puxo o broche final á súa programación polo Día das Letras Galegas cun obradoiro de cantareiras, canto e pandeireta, celebrado na mañá do domingo no Café Teatro. A actividade contou coa participación de persoas previamente inscritas e foi impartida por Xisco Feijoó, recoñecido cantante, bailador, coreógrafo e especialista en recuperación etnográfica, ademais de coordinador da sección de canto da Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu. O obradoiro, permitiu ás persoas asistentes achegarse á técnica vocal tradicional galega, ao acompañamento coa pandeireta e á interpretación colectiva, nun ambiente de aprendizaxe e transmisión oral. A iniciativa formou parte do programa «N de Narón. A festa das letras», impulsado polas concellarías de Festas, Bibliotecas e Política Lingüística, o Padroado da Cultura e o Servizo de Normalización Lingüística. Este ano, o Día das Letras Galegas estivo dedicado á poesía popular oral, representada simbolicamente nas voces de Adolfina e Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira Santos, e Manuela Lema, Teresa García Prieto, Prudencia e Asunción Garrido, integrantes das Pandeireteiras de Mens. Un recoñecemento colectivo ao papel das mulleres cantareiras como principais transmisoras da música, a lingua e a nosa cultura. O obradoiro supuxo un peche á programación cargado de simbolismo.