
A marca de Hugo Vaamonde e Xoán Ramos revoluciona o mundo da moda deportiva con homenaxes a figuras como Cristiano Ronaldo
13 jul 2025 . Actualizado a las 21:49 h.En febreiro deste mesmo ano, dous amigos orixinarios de Narón, Hugo Vaamonde e Xoán Ramos, poñían en marcha un novo proxecto que fusionaría as súas dúas grandes paixóns: o deporte e a moda. Hugo xa contaba con experiencia sobre o terreo de xogo, pois competira como centrocampista para o Cedeira S.D. e para o C.D. Narón; pola súa parte, Xoán colleitaba (e segue a colleitar) éxitos en redes sociais coma creador de contido sobre fútbol, interactuando cos seus seguidores e seguidoras a través de análises, experiencias persoais e colaboracións con outros creadores, chegando a facer Tiktoks coa Selección Española sub 21.
Mesturando as facetas propias de cada un xorde ON-Resilience, unha marca de roupa que rinde tributo coas súas prendas ás grandes estrelas do deporte rei. Con deseños inspirados nalgunhas das iconas futbolísticas máis relevantes da historia recente, coma poden ser Cristiano Ronaldo ou David Beckham, así como figuras máis históricas coma George Best ou o «Rei» Pelé, ON-Resilience xa se fixo cun lugar no mercado da moda deportiva malia a súa curta existencia.
—Como xorde a idea de crear a marca?
— (Hugo e Xoán) A idea xorde de xuntar as nosas dúas paixóns, a moda e o deporte, pero sobre todo o fútbol, xa que ambos levamos unha vida dedicada a el.
—Un dos vosos lemas é «for athletes». En que se basea esta filosofía?
—Esta filosofía baséase en que a marca está dedicada aos deportistas, para nós non hai nada máis grande. O deporte é o noso maior enfoque.
—O Vol. Red Dev7ls está centrado no Manchester United, arredor de figuras históricas como Cristiano Ronaldo ou David Beckham. Por que este equipo en concreto?
—Eliximos este equipo en concreto porque ao longo da súa historia tivo figuras que nos representaban á perfección. Unha foi Cristiano Ronaldo, porque nos seus inicios xuntou todo o que fai falta para chegar ao máis alto: determinación, confianza e resiliencia, do mesmo xeito que queremos facer nós. A figura de David Beckham represéntanos porque, como ben dixemos anteriormente, une as nosas dúas paixóns: o mundo do deporte e o mundo da moda.
—A vosa estratexia de venda está baseada nos drops. Como se crea esa expectación sobre o lanzamento dos produtos?
—A nosa estratexia cos drops non vai máis aló de simplemente querer facer unha marca e uns produtos para un número limitado de persoas. Non nos preocupa en absoluto o volume de vendas, simplemente queremos que a xente que queira levar a nosa marca se preocupe en conseguila a tempo e en vestila a gusto.
—En apenas cinco meses xa contades con 24,5K seguidores en Instagram e outros 1,2K en TikTok. Cal é o segredo detrás dunha boa estratexia en redes sociais?
—(Hugo) Cando se me ocorreu a idea de crear unha marca dende 0, pensei en Xoán, porque el xa tiña un certo recoñecemento sobre redes sociais. Sabía que mesturando a súa experiencia nese sector coa miña creatividade e a idea que eu tiña poderiamos chegar a bastante xente en pouco tempo.
—Tedes previsto algún novo deseño nun futuro próximo?
—Estamos a traballar moito en novos proxectos e ideas que poidan ser revolucionarias tanto para nós como para a zona de Ferrolterra, que é de onde queremos que a marca sexa totalmente representativa. En canto aos deseños, temos moitos previstos para o futuro e estamos moi motivados despois de ver o apoio da xente neste inicio.