
Na provincia da Coruña hai rexistradas unha corentena destas residencias
20 jul 2025 . Actualizado a las 22:49 h.Semella que non podemos vivir sen eles, mais, cando marchamos de vacacións, non sempre poden vir canda nós. Con todo, a alternativa non ten por que ser deixar aos nosos amigos peludos ao cargo dalgunha persoa de confianza; mentres que nós nos aloxamos no noso hotel, eles tamén poden desfrutar do seu propio resort. Na actualidade, a provincia da Coruña reúne unha oferta de 40 residencias caninas, tal e como figura no Rexistro Galego de Núcleos Zoolóxicos (Reganuz) da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. Coma cada verán, a campaña estival volta a encher os hoteis caninos de toda a provincia e, con 277.094 cans censados nela, a demanda destes hoteis caninos é cada ano maior. Como conta Elena, da residencia Veiga do Ulla (Vedra), «este ano temos a ocupación ao 100 %».
No que respecta ás tarifas destes centros caninos, sitúanse nunha franxa que vai dos 15 aos 22 euros, aos que se lle sube o prezo orixinal por servizos especiais (por exemplo, para cans minis ou dependentes) ou se se trata de festivos moi sinalados coma o 25 de xullo, nos que se adoita engadir un suplemento. Ao falar cos donos destas residencias para mascotas, a maioría coinciden en que as tarifas se deben manter durante todo o ano sen ter en conta a «tempada alta». Como contan dende a Veiga do Ulla, «temos clientes fieis todo o ano e veñen cando o necesitan».
Referirse aos centros caninos coma «hoteis para mascotas» pode semellar unha esaxeración, mais Lucía e Luis, propietarios do Lar do Can (Oleiros), téñeno claro: «Nas nosas habitacións poderíase quedar perfectamente unha persoa». Ademais destas habitacións renovadas con cama e ventás de PVC, as súas instalacións abranguen amplos xardíns para o desfrute dos cans. Na Veiga do Ulla tamén insisten en que as súas habitacións son «completamente individuais, así como os paseos», o cal supón unha agradable estadía para os animais.
Ao contrario do que poida parecer, os servizos destes hoteis non se reducen só a cans, senón que moitos acollen todo tipo de especies. En El Bosque (Narón), como comenta Yadira, unha das xefas, contan con gateiras e zona específica para roedores, e admiten todo tipo de hóspedes: «Temos desde cans e gatos ata aves, cobaias, animais exóticos...».
Alén dos servizos habituais, adóitase ofrecer outros adicionais. No caso da Veiga da Ulla ofrecen servizos de lavado de mascotas, mentres que O Lar do Can proporciona tanto perruquería coma transporte.
Así, as residencias caninas supoñen un negocio en alza que aínda non atopou a súa cima.

Iago Triana, responsable do centro Da Costa Verdescente
«Os nosos caniles son de dezaseis metros cadrados, non queremos que os cans estean engaiolados»
Afincados no concello de Mugardos, o Centro Canino Da Costa Verdescente comezou a súa andada nos coidados de mascotas nada máis rematar a pandemia. Este ano é o seu quinto aniversario, e xa se consolidaron coma unha das residencias caninas de referencia tanto dentro da comarca de Ferrolterra coma no resto da provincia da Coruña. As súas instalacións constan de residencia canina con 16 boxes, alén dunha pista para adestramento e modificación de conduta. Ademais, os servizos Da Costa Verdescente inclúen unha especialidade en agility, unha disciplina de deporte federado que reforza a obediencia, para a cal teñen o seu propio club deportivo homónimo ao centro.
—Cando abriron a residencia? Como foron os inicios?
—No 2020 fixemos as obras e comezamos coa actividade xusto antes de rematar o ano. O comezo foi moi duro, xa que co covid e as restricións daquela época non foi nada doado.
—Teñen unha ocupación máis alta con respecto ao ano pasado? Cales dirías que son as épocas de maior ocupación ao longo do ano?
—As épocas de maior ocupación son o Nadal, a Semana Santa e o verán. Con respecto á comparativa entre o ano pasado e este, notamos unha mellora en tempada baixa e na tempada alta máis ou menos igual, xa que estamos practicamente a tope.
—Como son as instalacións, que tipo de aloxamento ofrecen?
—Aquí temos un tipo de caniles sobredimensionados con 16m2, deste modo os cans non semellan estar en gaiolas. O concepto é similar ás terrazas grandes ou aos patios de casa.
—Ofrecen aloxamento para outro tipo de animais, ou só exclusivamente para cans?
—Só ofrecemos servizos para cans. Preferimos adicarnos só á nosa especialidade.
—Que prezos teñen para todos os servizos ofertados?
—O prezo é de 18 euros por noite. En casos de estancias longas ou xente que trae varios cans, ofrecemos descontos.
—Contan con servizos adicionais?
—Ademais da residencia, tamén ofrecemos perruquería e adestramento. Por outra parte, temos tamén unha tenda especializada onde temos á venda a nosa propia marca de penso.
—Como é o trato cos clientes e coas súas mascotas?
—O trato é bo en xeral. Tal vez o conflito máis recurrente é con persoas que tratan de traer os cans sen vacinar.