A Mancomunidade da Comarca de Ferrol pide entrar no Programa Integrado de Emprego

La Voz FERROL / LA VOZ

FERROL

Pleno da Mancomunidade de Concellos.
Pleno da Mancomunidade de Concellos. Cedida

Permitiría a mellora da ocupabilidade de cen mulleres en situación de desemprego

29 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol aprobou onte en pleno solicitar á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración participar na convocatoria do Programa Integrado de Emprego (PIE) 2025. Conta con doce meses de duración e está dirixido «á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral nesta zona de cen mulleres en situación de desemprego».

Segundo o presidente deste organismo, o alcalde de Ferrol José Manuel Rey Varela, precisamente o paro é «unha das principais preocupacións dos veciños da nosa comarca».

E por iso recalca que «solicitamos poder participar neste tipo de programas que facilitan o acceso ao mercado laboral, tal e como xa podemos comprobar no Concello de Ferrol cos veciños que melloran a súa empregabilidade». En caso de entrar no PIE 2025, os municipios beneficiados serán Ares, Cabanas, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño. Todos deberán ceder instalacións municipais para poder impartir a parte teórica, mentres que as prácticas se levarán a cabo en diferentes empresas.

Inserción de ata o 40 %

Estes PIE levan aparellado o compromiso dunha inserción laboral de polo mínimo o 35 % dos demandantes atendidos durante o seu desenvolvemento. A inserción media acadada nos últimos anos é dun 40 %.

Desde hai máis de dez edicións a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol ven desenvolvendo «con éxito» diversos programas desta natureza.