A Universidade da Coruña e o Grupo Rodonita convocan os Premios de Investigación Epifanio Campo

La Voz FERROL / LA VOZ

FERROL

JOSE PARDO

Como novidade desta terceira edición, os participantes terán que presentar o seu proxecto nunha xornada aberta; a cátedra está adscrita á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol

29 jul 2025 . Actualizado a las 11:37 h.

A Universidade da Coruña e o Grupo Rodonita acaban de convocar a terceira edición dos Premios de Investigación Epifanio Campo. Os solicitantes deben estar incluídos no Catálogo de Investigación da UDC como integrantes dalgún grupo ou como investigadores individuais. Hai dous galardóns, un de 6.000 e outro de 4.000 euros, «para aqueles proxectos que supoñan un avance significativo na xestión e na valorización dos residuos industriais co obxectivo de acadar un desenvolvemento máis sustentable». O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 21 de setembro. Pode lograrse máis información escribindo a catedra.epifaniocampo@udc.es.

E como novidade, os participantes terán que presentar o seu proxecto nunha xornada aberta a toda a comunidade universitaria e ao público xeral interesado. Estes premios pretenden «fomentar a investigación relacionada coa xestión e coa valorización dos residuos xerados pola actividade industrial como parte dunha economía circular que axude á protección do medio ambiente». Tamén poden participar os estudantes matriculados no curso 2024/25 nun programa de doutoramento na institución herculina ou aquel que realizase tarefas de investigación no marco da elaboración do seu Traballo de Fin de Grao (TFG), ou do seu Traballo de Fin de Máster (TFM) neste mesmo período e baixo a dirección de persoal investigador integrado no citado catálogo.

 Durante a xornada de exposición dos traballos, prevista para finais de ano, farase a entrega dos galardóns. A Universidade da Coruña (UDC) e o Grupo Rodonita queren facer desta cita «un lugar de encontro no que reunir aos investigadores e ás investigadoras que traballan na institución no eido do medio ambiente, da sustentabilidade e da xestión de residuos». Pode lograrse máis información escribindo a catedra.epifaniocampo@udc.es. A Cátedra Epifanio Campo naceu en 2019 e está adscrita á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF). O seu ámbito de actuación é o medio ambiente, a xestión de residuos e a sustentabilidade.