Publica, na editorial Lorref, «A construción da nación desde o realismo político»
24 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O poeta, ensaísta e columnista Manuel López Foxo (Ortigueira, 1960), unha das voces máis singulares das letras galegas do noso tempo e un autor sempre comprometido coa defensa da cultura do país, publica, da man da editorial ferrolá Lorref, A construción da nación desde o realismo político. Unha obra na que salienta a importancia de figuras como a do avó de Mariano Rajoy, Enrique Rajoy Leloup, que «traballando cóbado con cóbado con Alexandre Bóveda tivo un papel central na elaboración do Estatuto de Autonomía de 1932». «Este é un libro de sentimentos: de afecto e de admiración, de ilusión e de tristezas...», di López Foxo no transcurso dunha conversa de café na que van saíndo á luz, unha e outra vez, os nomes de autores como Manuel María ou Xosé Luís Méndez Ferrín —ambos os dous, e todo sexa dito de paso, grandes amigos seus—, que tanta importancia tiveron non só no nacemento da súa paixón pola literatura, senón na construción da súa persoal, e sempre libre, visión da realidade.
«É unha mirada de país», di Foxo, co libro nas mans, lembrando que esta nova obra súa naceu das diferentes reflexións, sobre todo artigos, que foi publicando, con Galicia no horizonte, ao longo destes últimos anos. «Temos que ser conscientes —engade, e non precisamente con ironía— de que do país non hai unha única mirada, do mesmo xeito que tamén hai persoas que non teñen visión de país ningunha».
Contra o sectarismo
Firme partidario, sempre, do diálogo e do entendemento entre persoas dun xeito de pensar moi diferente, o escritor insiste en que o seu novo libro «reivindica a importancia do realismo político en todo proxecto que busque transformar a sociedade e construír un país novo país».
(E, neste sentido, sinala que «talvez o nacionalismo galego tivo, no tempo da Transición, menos flexibilidade da que tiveron os integrantes do vello Partido Galeguista nos anos trinta do pasado século»).
O autor de A construción da nación desde o realismo político, militante nacionalista desde a súa primeira xuventude, é un autor que coñece moi ben os clásicos.; e que tamén coñece moi ben a terra non só como metáfora, senón como alguén que naceu e medrou nunha casa campesiña na que as vacas tiñan un papel moi importante como animais que facían un labor fundamental nos traballos da labranza. Unha casa campesiña na que Foxe aprendeu a interpretar as luces do ceo, a dirección e a intensidade dos ventos, os cambios da lúa e o valor da auga dos prados. E todo iso, claro está, sen deixar de ler nin a Rosalía nin a Crecente nin a Aquilino Iglesia Alvariño.
«Cunha atención especial...»
«Este libro meu hai que lelo como quen le un relato histórico do país, desde os tempos da República ata a actualidade, cunha atención especial aos anos da Transición en Galiza», subliña Manuel López Foxo. «Poño moito énfase —cometan en destacar o realismo dos nacionalistas galegos do Partido Galeguista de Castelao e de Bóveda, porque, sen renunciar ao seu ideario, tiveron en conta o marco legal no que tiñan que actuar, a Constitución Española de 1931, os requisitos que se esixían para tramitar o Estatuto de Autonomía, a correlación de forzas que había nese momento e tamén que era unha oportunidade histórica que o país non podía desaproveitar».
Afirma o escritor que «na Transición o nacionalismo tiña a mesma posición ideolóxica que tivera o nacionalismo dos anos trinta, pero talvez tivo menos flexibilidade». E conclúe subliñando que o seu libro «non é só un exercicio de memoria histórica, senón tamén unha invitación a traballar por un país diferente e a rectificar a historia para que Galiza siga cara adiante».