Obradoiros, produtos da terra e música na Feira Etnográfica de A Capela, o domingo

LA VOZ A CAPELA

A CAPELA

CEDIDA

O Museo Etnográfico organiza o evento, con artesáns traballando en directo

14 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Brinqueiros de tempos pasados (coa firma Sedega); venda de produtos da terra, artesanía, antigüidades e artigos de segunda man; e obradoiros de cestería e olería constitúen parte da oferta de Etnoeume, a feira etnográfica que se celebra o domingo, día 16, no lugar do Pazo, no municipio de A Capela. Quen se desprace ata alí terá ocasión de ver como é o traballo dos artesáns: cesteiros, fiandeiras, un follalateiro, un talabarteiro, un tallista, un torneiro, un vidreiro ou un zoqueiro.

O Museo Etnográfico de A Capela organiza este encontro, que xa vai pola edición número once, no que non faltarán a animación musical, coas formacións Arnela ou Encrucillada, nin os postos para xantar polbo, churrasco ou empanada. A Deputación achega unha axuda económica para esta iniciativa, coa que tamén colaboran o Concello de A Capela, a Coral Airiños da Capela a Asociación Cultural O Pértego.

Os promotores recordan que o encontro arrincará ás once da mañá e seguirá ata as oito da tarde. Convidan a todos a sumarse —«vén... que non cho conten»—, a poder ser «vestidos á vella usanza».