Xosé María López debuta na novela con «Terror Mortis»: «As Pontes de finais do XIX ten ecos evidentes na realidade actual»
AS PONTES

Este documentalista estréase na ficción literaria cunha cativadora historia, que transcorre no ano 1888 e que ben puido ser real
21 jun 2025 . Actualizado a las 17:19 h.A relación de Xosé María López (As Pontes, 1980) coa escritura «sempre foi intensa, pero ata agora estivo vinculada ao ámbito profesional», como documentalista e técnico en xestión do patrimonio cultural. Terror Mortis é a súa primeira incursión na ficción literaria, baixo a firma X. M. Ferro Formoso, dispoñible en Amazon (https://amzn.eu/d/bI5cSPIo) e logo en librarías das Pontes e no Museo Etnográfico Monte Caxado. Un cativador relato sobre As Pontes de hai máis dun século.
—Como se documentou para recrear As Pontes de finais do século XIX?
—A novela transcorre entre marzo e agosto de 1888. Levo moito tempo mergullado na atmosfera das Pontes dos séculos XIX e XX, a través do meu traballo de dixitalización e catalogación do fondo documental do Museo Etnográfico Monte Caxado. E froito diso nace a posibilidade de narrar unha das moitas historias que puideron ter acontecido alí daquela.
—Sorprende o seu coñecemento sobre medicina forense...
—Non teño coñecementos específicos de medicina forense. Creo que a influencia dos grandes clásicos xogou un papel fundamental. A lectura de Arthur Conan Doyle ou Edgar Allan Poe foi clave para imaxinar como podería ter sido unha investigación médico-legal na Galicia de finais do XIX. A través deles construín, con vontade de verosimilitude, as descricións que aparecen na novela.
—Existiu o doutor Lafontaine?
— É unha creación literaria, mais si representa un tipo de personaxe que ben podería ter existido naquela Galicia chea de contrastes, onde a ciencia loitaba por saír a flote nun océano de supersticións.
—Existe a fonte das Buliqueiras e esa auga tan rica en ferro?
—Si, todas as localizacións da novela están inspiradas en espazos reais. A fonte das Buliqueiras está no Aparral. É coñecida polo alto contido en ferro das súas augas, mineiromedicinais e tradicionalmente consideradas beneficiosas para tratar doenzas como a que aqueixa a Lafontaine. No século XIX foi moi frecuentada por persoas de todo o país, o que deu lugar a un pequeno fenómeno de turismo termal. A día de hoxe aínda se conserva e está situada nunha fraga de enorme valor ecolóxico.
—E Casa Jacinto... e o muíño das Aceñas?
—Non con ese nome, mais si que houbo nas Pontes algunhas casas particulares que ofrecían cama e comida os días de feira ás persoas que viñan de fóra. O muíño das Aceñas é o nome polo que era tamén coñecido o actual muíño de Alende, ao carón do río Eume, preto da ponte de Isabel II.
—En que se inspirou para o personaxe do alcalde corrupto e o galés sen escrúpulos?
—Algúns dos nomes que aparecen na novela corresponden a persoas que existiron realmente, como é o caso do alcalde Vicente Sueiro, que foi rexedor das Pontes entre 1885 e 1890, pero todo o que se narra sobre el é ficción absoluta. No caso de Ellis, tamén existiu: era un enxeñeiro de minas galés que chegou a Ferrolterra no 1883 para supervisar as canteiras de Lourido, en Naraío. En 1917 participou na fundación dunha sociedade xunto a José Caramelo Casal para explotar o xacemento de lignito das Pontes. Mais o personaxe é ficticio. A historia está inspirada no contexto e nas tensións dunha época, pero non ten base biográfica.
—A crise social que se respira na novela parece actual.
—Si. A novela mira ao pasado, pero tamén dialoga co presente. O que ocorreu naquela época —a desaparición dun modelo económico, o desconcerto colectivo e a incerteza diante do cambio— ten ecos evidentes na realidade actual das Pontes. A obra establece, de forma simbólica pero tamén narrativa, un paralelismo entre dúas crises separadas por máis dun século, nas que a comunidade se ve obrigada a repensarse, buscar novos camiños e enfrontar as consecuencias dun sistema que se esgota. Esa tensión entre memoria e porvir está moi presente en toda a novela.
—Un texto cheo de lendas.
—Todas as lendas e tradicións que aparecen son parte do corpus mitolóxico das Pontes e da súa contorna. Non só contribúen a crear a atmosfera da historia, senón que forman parte da propia trama. Un dos meus obxectivos era dar a coñecer este patrimonio inmaterial —por primeira vez en castelán— alén das nosas fronteiras, ofrecendo unha ventá ao imaxinario popular da Galicia interior.
—Por que en castelán?
—É o diario persoal de Lafontaine, un home de ciencia, educado na universidade de Lyon, de pai galego e nai francesa. No século XIX falábase galego na casa, na taberna, na feira... e castelán na administración, na medicina, na xustiza, na escola... Tiña que estar en castelán [...], convive co galego coma na vida real da época.