«Son cedeirés porque así o decidín»

ana f. cuba CEDEIRA / LA VOZ

CEDEIRA

JOSÉ PARDO

Enfermeiro, pioneiro na prevención de riscos laborais na pesca e avó, ideou o museo do mar de Cedeira, o seu pobo

24 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«Nacín en 1948 no número sete da calle da Cárcel, no Ferrol Vello, sempre digo que debaixo dunha chalana, porque pasei os meus primeiros 15 anos xogando no muelle, bañándome e indo pescar. Toda a miña infancia, quitándolle o malo, foi marabillosa». Así arranca José Antonio Rodríguez Arribe o relato da súa vida. Criouse nun barrio humilde, no que aprendeu «a solidariedade, o compañeirismo e o respecto polas ideas dos demais». Aínda aterece co frío que pasou de neno, as sabas húmidas e a sensación da primeira calefacción, «das mellores da vida». «Fomos saíndo adiante grazas aos coñecementos non académicos dos nosos devanceiros», agradece.

Aquel rapaz que visitaba aos seus avós de Cedeira, Antón O Lavandeiro e Otilia A Churriola, que vivían no Beco, estudou Enfermería en Santiago e alí viviu «a movida de finais dos 60», aínda que os dous últimos anos ía e viña a diario a Ferrol para traballar -«había que axudar na casa»-. Xa rematara e un domingo, cando ía coller o ferrobús en Vigo, onde vivía a súa moza, Gloria, para regresar á casa (tardaba sete horas), atopou a un compañeiro de estudos, que traballaba nun servizo de garda de enfermería.

Ao día seguinte subiu ao ferrobús para instalarse en Vigo. «Era 1972 e ata agora». Alí casou, tivo fillos e desenrolou a vida profesional, no servizo de garda e logo no Hospital Xeral. Catro anos despois, «un 18 de xullo e a 40 graos!», aprobou a oposición do Instituto Nacional de Seguridad e Higiene en el Trabajo e incorporouse ao centro de Cedeira de Redondela -«¡casualidades!»-.

Daquela a cabeza xa lle «fervía como as papas», dicía súa sogra, e atendendo ás súas raíces e ao seu amor polo mar, no 90 presentoulle á Xunta, coas competencias transferidas desde 1986, «un proxecto para montar a prevención de riscos laborais na pesca». «Ninguén pensara que podía haber accidentes laborais nun barco, unha plataforma esvaradía, con esforzos sobrehumanos, sen durmir...», conta. Ninguén antes falara de riscos sicosociais no sector. Foron pioneiros, acabaron montando o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e participaron no proxecto Cantábrico Noroeste, cos institutos vasco, cántabro e asturiano, para avaliar os riscos laborais de cada arte, describindo «tarefas e subtarefas, ata 77.000 ítems».

Pero fóra do traballo hai moita vida. En Vigo, onde fundou a Asociación Ferrolterra, que se xuntaba en marzo para cear e cantar ás Pepitas, chámanlle Jose de Cedeira, e en Cedeira, Jose de Vigo. «Son un apátrida (...), son cedeirés porque así o decidín, síntome moi feliz no meu pobo, moi ben tratado». «Alugábamos unha casa [hai uns 40 anos, hoxe tena en propiedade, na vila vella] e viñamos sempre cargados, cinco horas de coche», recorda. Di que o importante na vida é, primeiro, ser feliz. Devece pola familia -«sen Gloria estaría perdido»; os fillos, María, Pipo e Lois, «uns tipos marabillosos»; e Gael e Martín, os xemelgos de dous anos, ferroláns, «herdeiros de todo o meu»- e polos amigos, «case ao mesmo nivel».

«Métome en todo, e sempre a fondo», recoñece. En Ferrol estivo nos Boy Scouts e no Real Coro Toxos e Froles, e presenciou os sucesos do 72; en Vigo viviu anos intensos de militancia política clandestina, estudou para lutier na Universidade Popular (fixo unha arpa céltica de 26 cordas) e veu nacer a Berrogüetto, Matocongrio ou Carlos Núñez. En Cedeira montou, no 87, Volve á vila, para os maiores, «con tortilla, bola de sucre e pastelón», e cantares, que agora se retomou.

Exerce de mestre de cerimonias na Xira da Patrona «cun ramallo e un sinal de Stop e adiante», guiando as gaitas de San Antón á vila, para cantarlles aos mariñeiros de Crónicas, a Antonia de Licos, prezada madriña, e ao Ramón. E «cadrou a coincidencia, como di unha persoa de Cedeira», de dar con Chente e Eduardo, e persuadiunos para crear o Museo Mares de Cedeira -«agora necesitamos dous postos de traballo»-. Mentres avanza na catalogación das pezas do museo, este home «teimudo e larudo», que ousa con todo, non sen antes matinalo, e colabora con todos, xa anda intrigado por cal será a próxima aventura.