Roger de Flor, un entre mil: «Elexín a vida de músico, é difícil pero son afortunado»

Patricia Hermida Torrente
Patricia Hermida FERROL / LA VOZ

FENE

O cantautor Roger de Flor, no barco pirata do Cantón de Molíns
O cantautor Roger de Flor, no barco pirata do Cantón de Molíns JOSE PARDO

O cantautor presenta o seu novo tema cun vídeo musical, «Muíño da Malladoira»

13 abr 2024 . Actualizado a las 11:12 h.

Roger de Flor (Fene, 1977) ten a maxia dos diferentes. Nesta vida el elexiu a música. E nove discos despois, continúa cantando á natureza e á beleza. Así acontece no seu último tema e vídeo musical: Muíño da Malladoira, que parte dun poema do seu recordado amigo Luis Maquieira.

—Roger de Flor mantén sempre o seu espírito silvestre?

—Tanto o vídeo como o poema son un canto á natureza, pola que compartiamos amor Luis e máis eu. O meu amigo morreu hai sete anos, eu tiña pendente musicarlle o poema. E ao final saíu esta canción, tamén en memoria daquelas festas antolóxicas que facía na súa casa ao pé do castelo de Andrade.

—Como eran aquelas festas?

—Moi importantes para min, Luis apareceu nun momento fundamental na miña vida. Eu iniciaba a miña carreira musical con inseguridades, deume confianza. El sabía moito, viaxara por toda Sudamérica, tiña alma de poeta.

—El era dese tipo de persoas dun mundo xa desaparecido?

—Pero o lume segue aceso e vai pasando entre diferentes xeracións. Nun mundo tan mediocre, cando chega alguén que se sae da norma é unha marabilla.

—Como se trasladou ao vídeo?

—Na canción tiven a colaboración de xente como Pedro Montilla (director de orquestra de Caracas afincado en Ferrol) cun violín precioso, o guitarrista Charlie Mysterio, o percusionista César Yáñez. E para o vídeo, rodado con Eduardo Castro Bal, quixen descubrir onde estaba ese muíño no río Mera. Luis deixou alí pegada, era o lugar onde fora máis feliz (vivira cunha moza nos seus tempos de bonanza, xa que el chegou a ter unha construtora con 100 persoas).

—Vostede é un cantautor sempre acompañado de amigos?

—Son individualista, pero os amigos sempre aportan respecto, admiración e cariño.

—Xa non se sacan tantos discos?

—Un álbum é un esforzo enorme e agora prima a inmediatez do single. Gústame adaptar a poetas como William Blake, Byron, Rosalía de Castro, Altolaguirre.

—Ser Roger de Flor é unha heroicidade?

—Non é fácil ter unha carreira coherente, pero máis difícil é erguerse ás seis para traballar nunha fábrica. Elexín a vida de músico, é difícil pero son afortunado: as complicacións fan que estés vivo, se todo fose regalado sería aburrido.

—Como van os concertos?

—Hai 15 anos en Ferrol había oito concertos á vez nos garitos. Agora menguou esa cultura e medrou a industria cultural, cunha rede clientelar. Na pandemia, toquei na rúa onde recibín moito cariño. E o ano pasado estiven centrado en producir cancións para o meu pai