
A cita será ás 13.30 no Parque da Hortiña e gratis
30 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Cando xa está a piques de comezar o Festival Felicia Pop, o Concello de Fene anunciou para este sábado o concerto de Familia Caamagno. A cita musical organizada pola AC Felicia contará así, grazas á colaboración entre Concellería de Cultura e o programa Cultura no Camiño (Xunta), con esta recoñecida banda que presentará o seu traballo O mundo está derrotado.
A actuación será no Parque da Hortiña ás 13.30 horas, con entrada libre e de balde. Segundo a organización, trátase dun disco «nostálxico, cómico e político a partes iguais; que nace froito dunha situación excepecional e que mira cunha risa nerviosa todas esas noticias de inflacións, guerras e cambios climáticos».
Este traballo iníciase co clásico Xuntos de Juan Pardo (1987) e remata con O día que Fraga finou (inspirado no The Day that Tatcher dies creado por Hefner en 2000). E polo medio están «a década dos 90 e as visións dun futuro distópico que xa pasou e que se repite unha e outra vez».
O mundo está derrotado foi producido e gravado por Carlos Hermández nos estudios El Castillo Alemán en 2022. Trátase do mesmo profesional que traballou con Los Planetas, Carolina Durante ou Los Enemigos.
A organización presenta a Familia Caamagno como «unha banda ben coñecida no panorama musical galego que navega desde os confíns do garaxe ate o power pop e o rock and roll máis delicado, cuns furibundos xa non tan rapaces de Sigüeiro», que pronto presentarán o seu novo traballo producido unha vez máis por Carlos Hernández.