O BNG leva aos orzamentos da Xunta enmendas para Fene e San Sadurniño

La Voz FENE / LA VOZ

FENE

Pilar Lozano, Mon Fernández e Sandra Permuy en Fene
Pilar Lozano, Mon Fernández e Sandra Permuy en Fene BNG

Os nacionalistas demandan desde un novo sistema de saneamento para Fene á climatización do centro de día en San Sadurniño

11 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O saneamento de Fene e a climatización do centro de día de San Sadurniño, entre outras demandas, aparecen nas enmendas do BNG aos orzamentos da Xunta de Galicia. No caso de Fene, a alcaldesa Sandra Permuy denuncia «a ineficacia do actual sistema de saneamento promovido pola Xunta así como os elevados custos que significa para o Concello». Xunto co deputado no Parlamento galego, Mon Fernández, asegura que «estamos pagando por bombear a auga da chuvia, isto non pode ser». E reclama un novo sistema de saneamento acorde a criterios ambientais e de aforro enerxético.

Ademais, o BNG sinala as necesidades do IES de Fene: «O centro de Barallobre conta xa 43 anos, e alberga en 3 edificios moi danados a máis de 420 alumnos e alumnas». E pide nestas enmendas a construción de beirarrúas na estrada tularidade da Xunta AC115, entre Fene e Neda, así como a reparación da baixada cara o peirao de Maniños desde a estrada da Palma.

En San Sadurniño, co alcalde Secundino García Casal, lamentan que «as necesidades deste concello quedan fóra das previsións económicas da Xunta do PP». Reclaman os nacionalistas «a climatización do centro de día para solucionar os problemas de altas temperaturas que se acadan durante a primavera e o verán, unha capa de rodadura no vial AC861 (no tramo de Igrexafeita á Pena de Eiriz), ou a a reivindicación do polígono da Bidueda». Tanto Fene como San Sadurniño están gobernados polo BNG.