Esquío no corazón

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL CIUDAD

17 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Pois si, os pobos están feitos de libros. Non hai máis que botar unha ollada. Os xudeus e a súa Biblia, Homero para os gregos. O tema chega a nós que aínda lembramos «Aquiles o do pés lixeiros...». A imaxe, os sentimentos de Galicia, están feitos por Rosalía, Castelao ... O Mío Cid traballou a Castela e Cervantes a toda España. Mágoa que non lle fagamos máis caso... E se poñemos o microscopio e enfocamos para os pequenos paises, comarcas, vales, rías... sempre damos con libros que coma os oleiros vanlle dando forma á mente.

Estamos feitos de libros máis do que parece. Mesmo os que nunca len, pero pensan sen sabelo por aqueles libros que souperon recoller a mentalidade, os soños e os xeitos de falar. Así tamén na bisbarra de Ferrolterra. Ando sempre revolvendo na biblioteca para ter máis a man aqueles libros que me alcanzaron as fibras sensibles. Din con Fernán Esquío, o trobador do século XIII que andaba a cazar por Doniños. «Seu arco na máo» tamén namoraba ás mociñas: «Vaiamos irmana, vaiamos dormir nas ribas do lago u eu andar vi a las aves meu amigo ... vaiamos folgar nas ribas do lago u eu vi andar seu arco na máo a las aves ferir ... a las que cantavan leixa-las guarir a las aves meu amigo... a las que cantavan non as quer matar a las aves meu amigo». Esquío falando sempre con retranca da fina, ben se ve.

O lago de Doniños é lugar para pedir amores. «Vaiamos folgar»... «U eu andar vi a las aves meu amigo». Bríllanlle a Ferrol nos ollos as cantigas do trobador Esquío.