
Fernando Martínez Randulfe sempre foi a mesma persoa amable, profesional, de voz tronante e maneiras educadamente asertivas, insubornable na defensa dos traballadores e as traballadoras. Sen sectarismos. A súa disposición cívica e política máis que unha lembranza merece un monumento, en Vigo onde laborou, en Santiago onde foi deputado do PSG-EG ou en Ourense onde naceu. Homes coma el sempre merecen máis do que levan e esta democracia, que non anda sobrada de referentes incontestables, ten na súa memoria unha escolla que non debe deixar pasar. A discreción de Randulfe obriga a estas liñas, el non era dos que adican media vida a recrutar obreiros para o seu funeral.
Este pasamento cadra coa conmemoración do 10 de marzo de 1972 de Ferrol. Aquel día inesquecible para quen o viviu. Amador Rei e Daniel Niebla morreron por disparos da Policía Armada e ducias de operarios da Bazán foron feridos cando en manifestación quixo avanzar pola Avenida das Pías a xuntarse cos de Astano na outra banda. A negociación do convenio colectivo da factoría foi frustrada polas autoridades da Ditadura intentando disciplinar a uns sindicalistas tan hábiles na negociación como antifranquistas na posición.
O asunto converteuse para o gobernador civil nunha cuestión de orde pública cando milleiros de obreiros continuaron na rúa unha mobilización que ía camiño da folga xeral. Aquel día o ministro de Gobernación e o secretario do sindicato falanxista único non puideron coas ansias de Pillado, Aneiros, Riobóo, Amor, e logo de paralos a tiros tiveron que enfrontarse a Sari, a Encarna, a Fina, a Ánxela, a Manuela e tantos outros que pecharon a cidade mentres a policía desaparecía e se acuartelaban as tropas.
Ferrol converteuse nun símbolo antifranquista e nun problema para o franquismo. En xuño o ministro Garicano Goñi e o xefe do sindicato, Martín Villa, desbarataron a cúpula dunhas CC.OO. que foran declaradas ilegais, dando lugar ao proceso 1.001 que correu parello ao proceso dos 23 de Ferrol. Antes, en marzo, a persecución dos sindicalistas e antifranquistas ferroláns encheu a comisaria da cidade á que acudiron especialistas en tortura da BPS central. Todo ferrolán fichado foi detido, mesmo algúns que como Francisco Rodríguez traballaban en Ourense. Avogados como Rafael Bárez tamén foron presos porque non era aquel un estado de dereito agás para as aparencias. A onda pasou a Vigo en setembro, alí o conflito laboral foi aínda máis intenso e as repercusións políticas no antifranquismo máis profundas. Porén as autoridades da Ditadura evitaron a repetición da matanza ferrolá e esmeráronse en censurar a publicidade das persecucións e as represalias. O descontrol dun réxime que quería perpetuarse volveu asasinar en decembro ao estudante Chema Fuentes. Desta volta ergueuse a Universidade de Santiago. En 1972 en Ferrol empezou todo.