Abraham Cupeiro, recuperador de instrumentos antigos: «A música é a linguaxe das emocións»

Beatriz García Couce
BEATRIZ COUCE FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

Abraham Cupeiro, cun instrumento antigo no castelo de San Felipe
Abraham Cupeiro, cun instrumento antigo no castelo de San Felipe Kiko Varela

Este compositor orixinario de Sarria actúa o xoves coa orquestra Gaos, no auditorio de Ferrol

28 ene 2024 . Actualizado a las 04:29 h.

Abre en Ferrol a xira de presentación do seu terceiro álbum, Mythos, gravado nos estudos Abbey Road. O músico, compositor e recuperador de instrumentos antigos Abraham Cupeiro (Sarria 1980), fará soar na cidade naval un aulós grego como os que se usaban nas Olimpíadas e promete un concerto especial, o vindeiro xoves, día 1, no auditorio, no que estará acompañado pola orquestra Gaos. A súa busca de sons do pasado ten unha clamorosa resposta no presente, no que conta con máis de 30.500 seguidores en YouTube.

—Estrea en Ferrol. Que lle espera ao público?

—Vai ser moi especial, porque vai ser o primeiro que fagamos na xira e vai ser unha viaxe polas emocións, polo imaxinario colectivo dos pobos, porque vamos mesturar historia, mitoloxía e música con instrumentos ancestrais e cunha orquestra sinfónica. En definitiva, vai ser unha hora e media para soñar e buscar sons evocadores que aínda seguen resoando no noso interior.

—Un concerto para conectar o pasado e o futuro?

—Efectivamente, conectamos co pasado, non para xerar música do presente, senón tamén do futuro. Vai ser unha maridaxe de épocas moi curiosa.

—Despois de acometer a ardua tarefa de investigación sobre os instrumentos antigos, toca poñerse diante do público. Que supón para vostede e cal vén sendo a resposta que recibe?

—Nós, afortunadamente, sen ningún tipo de plataforma que nos eleve ou nos vexa o gran público, dende hai uns anos facemos cen concertos cada ano, o cal para min é un síntoma de que estas cousiñas esquecidas, coido que conectan moi ben coa xente, non só de Galiza, senón de todo o Estado e incluso de Australia, Estados Unidos, Alemaña... Para min, tocar despois de tanto traballo é como unha liberación. Pásase realmente moi mal, porque non consigo facer ben os instrumentos, logo teño que aprender a tocalos, tamén me resulta unha tarefa ardua porque xa non hai ninguén que toque eses instrumentos, logo hai que escribir a música, e despois buscar onde gravalo. É tarefa un pouco dura pero despois, cando sobes ao escenario, é toda unha liberación.

—A diferenza doutras fontes de investigación, que poden ser máis palpables, a investigación sobre os instrumentos antigos, non ten moito de sensorial, de intuición?

—Si, a intuición é unha arma moi poderosa para o ser humano e a imaxinación, aínda máis. A posibilidade que dá de proxectar cousas na nosa mente e logo facelas coas nosas mans, que é o segundo cerebro que temos, é algo que esta especie tan especial á que pertencemos podemos facer. Pero moitos dos instrumentos que toco xa deixan un camiño, é como se foran as vías dun tren no que soamente tes que poñer o tren en marcha outra vez e esas vías vante levando por un camiño moi próximo a miles de anos atrás. Teñen toda a sonoridade.

—Dixo que a música é unha das poucas cousas que nos fan humanos. Hai xente que di que incluso lle salvou a vida.

—A música é a linguaxe das emocións. É real, é verdadeira, e un son que te penetra ou non, pero non ten segunda lectura. Está presente na historia da humanidade como é algo que cohesionaba aos individuos e facía grupos máis grandes de xente, o que lles permitía ter máis opcións de sobrevivir nun mundo, hai miles de anos, bastante mais difícil do que temos hoxe en día. Nas covas, coas caracolas, levaban o mar ao interior da terra, é como un círculo que pechaban entendendo que a música lles permitía chegar ao máis alá.

—De que está máis orgulloso deste último traballo?

—Hai un instrumento que conseguín reproducir, que se lle atribúe á deusa Atenea, que se tocaba nas Olimpíadas, que é o aulós, que é un dos máis iconografiados da Grecia clásica. Construílo foi difícil e aprender a tocalo aínda máis, de feito fixen varias probas en público e o fracaso, que é acompañante habitual na miña vida, aí estivo. Ata que ao final, a base de horas e horas de estudo, conseguín dominalo e levarllo á xente que veña escoitarnos a Ferrol ou a outro sitio.

—Fracaso temporal como camiño para o éxito?

—Efectivamente, hai que buscar constantemente o fracaso, sen lastimarse, porque o fracaso é aquilo que che permite realizar algo do que vai saír algo novo. Se te quedas no teu hábitat, aí podes crear, pero moi pouca cousa. Para min, crear é como meterte no mar e, cando non fas pé, tes que seguir nadando e nadando e nadando ata que te atopas totalmente vulnerable. Aí é o sitio onde eu me soo mover, porque para facer este tipo de cousas, é o único camiño.