Tanxugueiras e De Ninghures, pratos fortes do Festival Irmandiño de Moeche

A. F. C. MOECHE / LA VOZ

MOECHE

Marcos Miguez

O trail organizado por 21 Leguas, da man da organización do evento, é unha das novidades desta edición

17 may 2025 . Actualizado a las 11:29 h.

Faltan pouco máis de tres meses para que Moeche volva recrear as revoltas irmandiñas do século XV, ao pé do castelo. Tanxugueiras e De Ninghures son os dos pratos fortes musicais da edición 46 do Festival Irmandiño, que se celebrará do 22 ao 24 de agosto, e que este ano incorporará o deporte, cun trail da man do club 21 Leguas, de Narón. Este venres, entre tortilla, croquetas e a música das Desmuiñadas do Ventoeiro, presentouse o evento.

O día 22 haberá foliada no campo do festival. O sábado, 23, todo o público poderá acceder de balde ao interior do castelo para ver unha exposición. A sesión vermú, a mediodía, dará paso aos xogos para os máis pequenos, xusto antes de que asalten a fortaleza con globos de auga, en vez de fachos. Logo será a quenda dos adultos, con xogos tradicionais (tiro á corda ou lanzamento de altura de alpaca), e da música. Ao escenario subirán, por esta orde, Mediarea e De Ninghures, «unha banda de xente nova cun crecemento exponencial», apunta Alexandre Campos, presidente de Asociación Cultural Irmandiños, que organiza o evento. Despois chegará o asalto ao castelo, iluminado, con fachos e pirotecnia.

E trala rebelión, Tanxugueiras, «nun dos poucos concertos que terá en agosto no norte da provincia». A noite rematará con Vimbio, «unha mestura de rap, metal... con letras tradicionais e de crítica social, para que a xente poida brincar». O domingo, a primeira cita é deportiva, co trail con saída e meta no castelo. «Queremos darlle visibilidade e recuperalo, organizado por 21 Leguas, coa nosa colaboración, nun irmanamento entre cultura e deporte», sinala Campos. Seguirá un xantar campestre e máis música, con Paracetafolk e outra banda que confirmarán nas vindeiras semanas.

O orzamento do Festival Irmandiño anda polos 75.000 euros. Os organizadores teñen apoio do Concello, a Deputación, a Xunta, e negocios e empresas privadas. Unha parte importante recádase na barra, e tamén coa venda de merchandising (este ano con novidades coa firma Rei Zentolo) e festas coma do pasado venres ou o Xantar Irmandiño que farán en xuño.