Os irmandiños volven asaltar o castelo de Moeche na XLVI edición do festival

Laura Chaos / A.U. FERROL / LA VOZ

MOECHE

JOSÉ PARDO

Grupos como Tanxugueiras ou De Ninghures conforman o cartel deste histórico festival

22 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Arrinca en Moeche a edición 46 do Festival Irmandiño, un dos eventos musicais máis antigos de Galicia. Esta edición durará desde hoxe, día 22, ata o vindeiro domingo 24, e estará cheo de música, xogos e deporte. A festa dará comezo hoxe ás 21.30 horas cunha foliada popular. Alexandre Campos, membro da organización do festival, anima a asistir a este evento de inauguración. «Agardamos que a xente se anime a visitarnos, que traian os seus instrumentos e veñan a pasar un bo rato».

A segunda xornada iniciarase arredor das 11.30 coa apertura do castelo de Moeche, ao que se poderá acceder de balde para visitar a exposición Hibernarse, de Fillas de Cassandra, na que se poderán ver as xoias de cristal empregadas polo dúo vigués para o seu último traballo, un EP homónimo á exposición.

Xa ás 13.30 dará comezo a sesión vermú, e ás 16.00 empezarán os xogos para os máis pequenos e o asalto infantil ao castelo. Ás 18.00 poderase gozar das actividades para adultos, que inclúen xogos tradicionais coma o lanzamento de altura de alpaca ou o tira e afrouxa. Unha vez rematados os xogos dará comezo o programa musical da man de Mediarea, que actuará ás 21.00; seguiranlles ás 22.30 De Ninghures, un grupo que «está tendo moito éxito e vén de encher a sala Capitol coa presentación do seu novo álbum», como apunta Alexandre Campos.

Tras esta segunda actuación haberá un breve receso para a lectura do pregón e o asalto ao castelo. Ás 00.45 chegará o punto cume da noite coa actuación das Tanxugueiras, un grupo máis que consagrado en Galicia, e tal e como expresou Campos, «é unha honra velas sobre o escenario». Pechará esta segunda xornada Vimbio, a nova cara da escena metal galega, que tocará ás 2.30, e «farán brincar a todo o mundo en fronte do escenario» como expresa Campos.

O vindeiro domingo 24, a última das xornadas deste Festival Irmandiño, estará marcado polo trail, organizado grazas á colaboración do club naronés 21 Leguas. Ás 15.00 horas celebrarase o xantar campestre e xa pola tarde haberá dúas actuacións musicais que cerrarán o festival: as pandeireteiras Lina & Lola ás 16.30, e Paracetafolk, orixinarios da Costa da Morte, ás 17.30.  

Un festival histórico

Con esta edición cúmprense xa corenta e seis anos desde que se organizara o primeiro Festival Irmandiño alá polos anos 80, en plena transición democrática.

O festival nace coma unha forma de celebrar a música tradicional e o folk, mais tamén coma conmemoración das soadas Revoltas Irmandiñas, un levantamento popular do século XV no que o campesiñado galego protagonizou unha rebelión contra a nobreza da época. Así, este evento mestura o aspecto musical e o reivindicativo, recreando cada ano a toma ao castelo protagonizada por Roi Xordo, que dirixiu a miles de campesiños ao berro de «lume, lume, lume!».

Deste xeito, ao longo dos anos pasaron por este festival algunhas das figuras máis prominentes da música galega, coma poden ser o grupo Dakidarría, A Banda das Crechas ou mesmo Luar na Lubre.