«Os nosos caniles son sobredimensionados, non queremos que os cans estean engaiolados»

LAURA CHAOS / A.U. LA VOZ / FERROL

MUGARDOS

21 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Afincados no concello de Mugardos, o Centro Canino Da Costa Verdescente comezou a súa andada nos coidados de mascotas nada máis rematar a pandemia. Este ano é o seu quinto aniversario, e xa se consolidaron coma unha das residencias caninas de referencia tanto dentro da comarca de Ferrolterra coma no resto da provincia da Coruña. As súas instalacións constan de residencia canina con 16 boxes, alén dunha pista para adestramento e modificación de conduta. Ademais, os servizos Da Costa Verdescente inclúen unha especialidade en agility, unha disciplina de deporte federado que reforza a obediencia, para a cal teñen o seu propio club deportivo homónimo ao centro.

—Cando abristes a residencia? Como foron os inicios?

—No 2020 fixemos as obras e comezamos coa actividade xusto antes de rematar o ano. O comezo foi moi duro, xa que coa COVID-19 e as restricións daquela época non foi nada doado.

—Tedes unha ocupación máis alta con respecto ao ano pasado? Cales dirías que son as épocas de maior ocupación ao longo do ano?

—As épocas de maior ocupación son o Nadal, a Semana Santa e o verán. Con respecto á comparativa entre o ano pasado e este, notamos unha mellora en tempada baixa e na tempada alta máis ou menos igual, xa que estamos practicamente a tope.

—Como son as instalacións, que tipo de aloxamento tedes?

—Aquí temos un tipo de caniles sobredimensionados con 16m2, deste modo os cans non semellan estar en gaiolas. O concepto é similar ás terrazas grandes ou aos patios de casa.

—Ofrecedes aloxamento para outro tipo de animais, ou só exclusivamente para cans?

—Só ofrecemos servizos para cans. Preferimos dedicarnos só á nosa especialidade.

—Que prezos tedes para todos os servizos ofertados?

—O prezo é de 18 euros por noite. En casos de estancias longas ou xente que trae varios cans, ofrecemos descontos.

—Contades con servizos adicionais?

—Ademais da residencia, tamén ofrecemos perruquería e adestramento. Por outra parte, temos tamén unha tenda especializada onde temos á venda a nosa propia marca de penso.

—Como é o trato cos clientes e coas súas mascotas?

—O trato é bo en xeral. Tal vez o conflito máis recorrente é con persoas que tratan de traer os cans sen vacinar.