«Teño o privilexio de ser a primeira das moitas alcaldesas que terá o municipio»

La Voz

NARÓN

20 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

- ¿Xoán Gato ou Xosé Manuel Blanco?

-Resúltame imposible elixir. Aprendín moito de ambos os dous. Foron moi importantes para este concello, en tempos diferentes. E a miña relación con eles sempre foi excelente. Foron grandes alcaldes. De Blanco destacaría a súa infinita paciencia. Ademais é un gran xestor e unha boísima persoa. E de Gato, subliñaría fundamentalmente o seu gran carisma e que foi quen de darlle a volta ao municipio.

-É vostede a primeira rexedora da historia de Narón ¿está cambiando algo na política ao respecto da presenza da muller?

-Si. Afortunadamente as mulleres estamos rompendo moitos teitos de cristal. Pero aínda queda moito por avanzar. Non se pode falar aínda dunha igualdade real, pero estamos no bo camiño. Eu teño o privilexio de ser a primeira das moitas alcaldesas que terá Narón.

-¿Como cre que a ven os seus veciños?

-Son consciente de que moitos naroneses aínda non me coñecen. O que percibín foi un cambio importante ao pasar de concelleira de Cultura a alcaldesa. Agora hai máis veciños que me paran pola rúa e que se achegan a saudar ou a comentarme os seus problemas. Obviamente, ese contacto directo sempre é moi positivo. Sempre sentín o agarimo e máis a cercanía dos veciños.

-¿Pesa o feito de chegar á alcaldía sen ter encabezado nunca unha candidatura?

-Presenteime ás eleccións do 2015 como número dous dunha lista que respaldaron a maioría dos veciños. E entendo que tamén me votaron a min. Eu formaba parte desa candidatura. Si que é verdade que máis satisfacción supoño que tes cando gañas unhas eleccións sendo o número un. Pero eu aportei o meu graíño de area, e entendo que boa parte deses veciños tamén me votarían.

-¿Estará Marián Ferreiro á fronte da lista de Tega nas vindeiras eleccións municipais?

-Eu vou presentar a miña candidatura para encabezar a lista electoral do 2019. E coido que conto cos apoios suficientes no meu partido. Con todo, será a asamblea de Terra Galega a que teña que decidir se eu son a candidata para seguir liderando Narón ou non.

-¿Como lle gustaría que a lembraran dentro duns anos?

-Como unha persoa que ten traballado a reo por conseguir que Narón siga avanzando.