Narón, devórame outra vez: «Para os galegos, a nosa comida é a mellor»

Patricia Hermida Torrente
Patricia Hermida NARÓN / LA VOZ

NARÓN

Irene Coira co seu marido Marcos Vigo, probando unha bica de castañas na tenda Gadelicia da Solaina (Narón)
Irene Coira co seu marido Marcos Vigo, probando unha bica de castañas na tenda Gadelicia da Solaina (Narón) JOSE PARDO

Abre Gadelicia na Solaina con Irene Coira, «unha aventura para degustar todo o bo da nosa terra»

25 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Ferrolterra levo escrito en maiúsculas o imperativo de cómeme. Ou máis ben devórame outra vez, como aquela canción de Lalo Rodríguez despois versioneada por Azúcar Moreno. E como guinda do pastel abría onte as súas portas Gadelicia, unha tenda adicada exclusivamente a produtos gastronómicos galegos no barrio da Solaina. Nunha das zonas máis poboadas de Narón, a veciña Irene Coira Martínez emprende «esta aventura coa intención de que a xente poida degustar todo o bo da nosa terra, con empresas emerxentes e unha historia detrás de cada marca». Dende empanadas de mazá ou bacallau, ata marmeladas de viño de mencía, tarros de grelos ou cervexas chamadas Lobishome. E todo 100 % galego.

«Este establecementos está ben para facer barrio e para coñecer aos veciños, sen ter que coller o coche a outras zonas, eu defendo a tenda de antes e anteriormente xa traballei de cara ao público», indica Irene. Emprende o proxecto soa pero co apoio da súa familia e do seu marido Marcos Vigo, «teño todo o respaldo do mundo e tamén queremos sorprender aos veciños». Ante a eterna pregunta de si os produtos gastronómicos galegos son os mellores, Irene responde: «Para os galegos, a nosa comida sempre é mellor e é certo que chega moita xente de fóra de Galicia dicindo que todo o noso está riquísimo; para eles tamén teremos cestas e envíos».

Ademais de vender queixos de Friol, cafés Lúa de Carballo, licores Os Maios de Ourense ou conservas La Pureza de Cariño, Gadelicia tamén elabora cestas 100 % galegas. «No inverno faremos cestas para o cocido con fabas de Lourenzá, panceta, chourizos de Friol, porco celta... tamén traeremos chicharróns». Hai gastronomía para cada etapa do día, desde o almorzo ata a cea. E con historias de loita: «Como os zumes que elabora a asociación Andaina Pro Saúde Mental coa súa xente, con zume de mazá ecolóxico, de arando ou sidra ecolóxica».

Irene Coira coas clientas probando petiscos
Irene Coira coas clientas probando petiscos JOSE PARDO

Teñen a froita deshidratada de Triscos, con amorodos, arandos, kiwis e mazás «como alternativa ás chuches ou para unha táboa con queixo e noces». Para o cliente ofrecen nestes días cafés como degustación ou doces de castaña como magdalenas de Petelo (Allariz), e presentan cada xornada receitas tanto na tenda como en redes. Os sábados haberá empanadas de pan galego, de centeo ou trigo, con bonito, bacallau, mazá ou liscos e chourizo. E os domingos de feirón na Solaina, o primeiro domingo de cada mes, tamén abrirá a tenda. En canto ás bebidas, Os Maios teñen licores tostado, de café, herbas, crema de licor, toxo, amora, noz, mel... Hai viños godello, treixadura, albariño, mencía. E cervexas con nomes tan suxerentes como Lobishome ou María Soliña, da casa Menduiña dende Cangas.

Cos produtos chegan consellos para a elaboración ou o acompañamento. «Os nosos viños poden maridarse con arroces e peixes, ou para cando vas de convidado porque entran moi fresquiños con queixo», indica Irene. Ela aprende moito nas feiras, «onde todo o mundo ten unha historia xenial que contar da súa marca».

Dende empanadas de liscos e chourizo ata crema de cacao con améndoas e rica laranxa

Tamén hai infusións de Orballo (Paderne), con nomes como Un Día de Tormenta, Manta e Menta, «para unha tarde de treboada con Peruxiñas (galletas de canela, xenxibre ou tradicionais)». Xa no doce, Lenatt dende A Coruña ofrece crema de cacao con avelás e rica laranxa, crema de avelá con dátil e cacao «máis oriental», crema de cacahuete picante, ou a de cacao con limón.

Aparecen as mitiquísimas galletas de pan Mariñeiras, as Peruxiñas que se devolves o envase te dan 30 céntimos, mel dos Ancares en versión do bosque ou de castiñeiro. E tamén «galletas que son todo un descubrimento como as Xianas, que están estampadas con estilo galego e moi ricas, que pertencen á cultura dun pobo que estampaba galletas».

Conservas La Pureza (de Cariño) ten bonito sen sal ou atún en aceite de oliva. Do mesmo grupo é Amieiro con marmeladas de viño de mencía, de mazá sen zucre, de amorodo. Amieiro tamén conta con cremas de cabaza ou de zanoria con romero, ademais de grelos envasados «para tomar con ovos de casa que traeremos ou pasta». Precisamente hai pastas Bubela (Lugo) de cúrcuma, tricolor ou de espirulina; aceites de oliva virxe extra Ouro de Quiroga ou conservas Catrineta con xoubas en tomate, navallas ou chipiróns na súa tinta.

Cada vez haberá máis marcas de Ferrolterra, «teremos empanada de liscos e chourizo, tarta de améndoa con queixo de Arzúa, ou un queixo de cabra con castañas que nos pediu unha clienta».