Iria Grandal: «É un orgullo, sen o apoio do Concello nunca chegaría aos Xogos»
NARÓN

O Concello de Narón homenaxea á olímpica co novo Campo Municipal de tiro con arco
08 jul 2025 . Actualizado a las 20:21 h.A finais de xuño deste ano, o Concello de Narón decidía render homenaxe á súa arqueira máis laureada, Iria Grandal García. Deste xeito, o novo Campo Municipal de Tiro con Arco de Narón leva agora o nome da que foi a primeira olímpica de Ferrolterra e da propia cidade de Narón. No seu extenso palmarés atopamos un subcampionato mundial sub 18 (México, 2006), un subcampionato sénior de Europa (Países Baixos, 2012) e un campionato no Preolímpico de Amsterdam 2012, o cal lle valería a praza olímpica nos Xogos de Londres.
—Ao ser filla de arqueiros, como foron os teus inicios no tiro con arco?
—Meus pais comezaron a tirar con arco cando eu tiña 4 anos. O meu irmán, que facía fútbol sala, deixouno tamén polo tiro con arco. Eu, como era moi cativa aínda, soamente os acompañaba ás competicións. Cando cumprín 8 anos deixáronme por primeira vez un arco «de verdade» e aí comezou todo. Ata os 13 só ía ó campo de tiro e tiraba algunhas frechas por pasar o rato. Pero a esa idade veu a Ferrol o que foi o meu primeiro adestrador e foi cando comecei a tomarme en serio os adestramentos.
—Que significa para ti que o Campo Municipal de tiro con arco leve o teu nome?
— É un orgullo. O único que me da pena de todo isto é non poder disfrutalo, xa que deixei de tirar xa hai uns cantos anos. O Concello de Narón sempre deu apoio o meu clube, dende o mesmo momento do seu nacemento, xa que foron meus pais xunto con outros arqueiros quen o fundaron. Nunca agradecerei dabondo ó Concello de Narón toda a axuda prestada, xa o saben porque o dixen en moitas ocasións, pero sen eles e todo o seu apoio non chegaría ós Xogos Olímpicos.
—Como se viven desde dentro os Xogos Olímpicos?
—É coma un soño. Efímero, porque os deportes minoritarios só conseguimos ese nivel de exposición nunha competición coma os Xogos Olímpicos, pero un soño. Tratas con xogadores e deportistas famosos coma se foses unha máis entre eles, toda a cidade vólcase na competición e non che falta de nada. Só tes que centrarte en tirar e gañar, o resto dancho feito.
— Cres que existe unha disparidade nas bolsas outorgadas aos deportes minoritarios?
—Creo que non temos o mesmo nivel mediático e, polo tanto, é imposible que de forma «natural» gañemos o mesmo diñeiro que outros deportes como o fútbol ou o tenis, por dicir algo. Con todo, é aí onde as institucións teñen que axudar ós deportistas; xa non só con diñeiro a través de bolsas, senon tamén con proxectos que axuden ós deportistas ó final da sua carreira cando queren encontrar traballo sen experiencia previa en ningún sector, os anos sen cotizar... Creo que é unha petición xeralizada de todos os deportistas retirados: encóntranse de pronto sen traballo, sen experiencia, cunha idade avanzada nalgúns casos e sen cotizar un só día... As institucións teñen que afondar nesa problemática.
—Que desgaste psicolóxico conleva o deporte de alto rendemento?
—Eu que che vou a dicir sobre isto... Unha das razóns polas que deixei de tirar foi xustamente por isto. Creo que a saúde mental no deporte de alto rendemento é importante coidala ben, xa que estamos sometidos a unha presión anormal, fóra do común. Ademais, o tiro con arco concretamente é un deporte cunha carga psicolóxica moi alta. É moi importante o traballo cos psicológos para enfocarte no importante.
—É complicado volver á carreira olímpica?
—Xa antes dos Xogos Olímpicos viña arrastrando un problema psicolóxico á hora de tirar que ten nome propio no tiro con arco: target panic. Tirei tantas frechas ó longo de tantos anos con este problema que xa só coller o arco dábame ansiedade. Pódoche dicir que na actualidade segue sendo igual, collo calqueira arco e as pulsacións súbenme a 180. De todos os xeitos deixei de tirar definitivamente alá polo ano 2016, e foi por un cúmulo de cousas, non só pola parte psicolóxica. En 2015 conseguín un traballo unha revista e entre o traballo e as clases da universidade non tiña apenas tempo para adestrar, viña tamén dunha lesión no ombreiro, e iso unido ó meu problema psicolóxico, ademais de levar tantísimos anos tirando, fixéronme dar un paso a un lado e centrar a miña vida no ámbito laboral.
—Como ves o futuro do tiro con arco feminino a nivel nacional?
—Dende a chegada do que foi meu adestrador (ou, mellor dito, os meus adestradores), o coreano Hyung Mok Cho e a súa muller (que foi nomeada mellor adestradora do mundo) Mi-Jeong Lee, o nivel do tiro con arco en España medrou de forma moi rápida. Eles marcaron un antes e un despois no tiro con arco en España, fixáronse na base e ensinaron ós adestradores de todo o país como tirar ben con arco. Deste xeito, os arqueiros da base xa chegaban á elite cunha técnica e un nivel altísimo. É unha pena que non só a Federación Española os botara de malas formas, senón que a xente do entorno do tiro con arco non lles dea a importancia que tiveron no seu momento. Hoxe en día o nivel de España é bastante alto moi en parte grazas ó traballo que fixeron Cho e Lee hai anos. Á marxe diso, aínda que agora mesmo estou moi afastada do tema, si vin a participación de Elia Canales nos últimos Xogos Olímpicos. Foi una verdadeira pena porque Elia viña de facer unhas tempadas sublimes, pero, como dixen antes, a parte psicolóxica é importantísima neste deporte e vese que os nervios puideron con ela. Estou 100 % segura que se chega ós próximos Xogos, a experencia faralle conseguir un moi bo resultado.