Emma Pedreira, escritora: «O cemiterio de Pontedeume é coma vila, os da farmacia de arriba e os da farmacia de abaixo»
PONTEDEUME
![Pedreira, á porta do cemiterio da Coruña](https://img.lavdg.com/sc/mQuVa-XsiyUzVL-LhThJmWiL01A=/480x/2025/01/30/00121738255682285249554/Foto/f_20250130_172246000.jpg)
A autora, que vive entre A Coruña e a vila eumesa, presenta este venres na Casa da Cultura un libro que percorre 200 camposantos galegos
31 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Emma Pedreira Lombardía (A Coruña, 46 anos) gústalle ir soa aos camposantos e pararse «en cada pedriña, cada lápida, cada placa...», en busca de historias. «Nos cemiterios aprendín moitísimo de humanidade, e tamén de arte, historia, botánica...», di. Filóloga e escritora recoñecida (gañou o Premio Xerais de Novela por «Besta do seu sangue» no 2018, o mesmo ano que obtivo o Premio da Crítica Española en Lingua Galega por «Bibliópatas e fobólogos»), tiña que ter nacido en Pontedeume pero veu ao mundo na Coruña, e agora vive entre unha e outra. Este venres (19.30 horas) presenta o libro «As horas mortas. Viaxes e conversas polos cemiterios galegos» na Casa da Cultura eumesa, convidada polo Ateneo Fernán Martís.
Na obra, publicada por Bahía, percorre 200 necrópoles galegas (das catro mil que existen), acompañada de escritoras, enterradores, historiadoras ou arquiveiros, persoas amigas que lle contaron «moitas historias» deses espazos que a atraen desde nena. «Conversei con Lupe Gómez, Olga Novo, Juan Tallón, Xurxo Souto... e moitísima xente máis», conta. E deses encontros saíu «unha antoloxía de cemiterios, pero tamén de rituais, de simboloxía e doutras cousas que teñen que ver coa morte, con moitísimas historias orais, música, literatura e achegas doutros autores».
Defíneo como «unha radiografía social», un traballo que desenvolveu en paralelo ao proxecto no que participa, da man de Bernardo Penabade, para estudar a incidencia da lingua galega no ámbito funerario. «Estámonos sorprendendo moi positivamente, cun incremento notable desde hai cinco ou seis anos. No cemiterio de Pontedeume había unha lápida en galego e agora hai cinco», destaca.
Do camposanto eumés sinala que «é a vila análoga, coa mesma estrutura a nivel histórico, social e arquitectónico; costento, coma vila, coa xente de nivel máis baixo na parte baixa, á esquerda os que ideoloxicamente están aí... Os da farmacia de arriba e os da farmacia de abaixo». «Quedei alucinada cando me din conta», confesa. Alí atopou «historias arrepiantes sobre memoria histórica, como o enterramento do alcalde de Mugardos asasinado e, a dous metros, o do seu represor».
Fala do de Ortigueira, «un dos máis bonitos que hai, con esa planta octogonal tan misteriosa»; e do de Loira, en Valdoviño, «abandonado desde os anos 60, pero con flores renovadas, porque hai xente que aínda ten alguén alí ou terma da memoria doutros».
«Temos moita curiosidade pola morte, pero sacamos aos defuntos aos tanatorios, xa non hai velorios... temos unha hixiene mental, para ben e para mal, xa non hai do... vai todo acelerado e cunha asepsia brutal», reflexiona. Ao tempo, subliña, «agora está de moda o necroturismo». Traballa nun documental sobre «As horas mortas» e nun segundo volume.