Noa Durán, gañadora do Concurso de Contos Vila de Pontedeume: «Escribir é a única forma na que sei falar»

LA VOZ PONTEDEUME

PONTEDEUME

<span lang= gl >A entrega do premio tivo lugar o Día das Letras Galegas (no centro, a concelleira Alejandra Bellón), sen a autora gañadora</span>
A entrega do premio tivo lugar o Día das Letras Galegas (no centro, a concelleira Alejandra Bellón), sen a autora gañadora CEDIDA

É das Neves e estuda 4.º da ESO, e a entrega do premio tivo lugar o Día das Letras Galegas

20 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Noa Durán Castro, estudante de 4.º da ESO de As Neves (Pontevedra) gañou a edición 35 do Concurso de Contos Vila de Pontedeume, por un relato «de moi boa calidade literaria [... ], cunha potente carga creativa [...]. A narración é fluída, con bos recursos retóricos que crean un ambiente fortemente poético e mesmo visual».

Así o destacou o xurado do certame, formado polo escritor eumés Antonio Manuel Fraga Allegue, a escritora Emma Pedreira, a directora e actriz de teatro Cristina Fraga López e o profesor e actor de teatro Rey Campos. Esther Leira Penabad exerceu de secretaria.

A entrega tivo lugar o sábado, sen presenza da autora, por razóns persoais. Recibirá 600 euros, ademais de ver publicado o seu texto nun libro que se publicará o ano que vén coas obras premiadas desde 2021.

«Escribir é a única forma na que sei falar. Medrei (e medro) entr elibros, música e cine. Entre creacións, anacos dos recunchos perdidos dos seus creadores. Medro en viaxes que fago á imaxinación de creadores, sempre co anhelo de poder crear algo eu tamén», escribe a autora no texto que enviou ao Concello ao non poder estar no acto de entrega.