Iago Varela, autor do libro de filosofía máis vendido, publica de novo: «A natureza é sanadora e ensínache o camiño a seguir»
SAN SADURNIÑO
Logo de trunfar coa súa primeira, este enxeñeiro de San Sadurniño publica «unha fábula do século XXI» narrada en feminino
13 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.«Unha rapaza atópase perdida nun misterioso bosque co único acougo de que a súa intuición a incita ferozmente a continuar camiñando ata cruzar o seu limiar. Sumida nesta nova realidade, pero aberta de corazón, o peculiar entorno e os sucesos experimentados conducirana a profundas reflexións e a descifrar grandes enigmas. Entre elas, descubrir a lei que afasta ao ser humano da harmonía natural». Esta é a suxestiva sinopse de «O camiño natural. Unha fábula para o século XXI», o segundo libro autoeditado por Iago Varela Romero (Naraío, San Sadurniño, 27 anos), á venda a través de Amazon. No 2022 debutou como escritor con «A rebelión dun buda. E as chaves da última realidade», que chegou ser a obra de filosofía máis demandada en España na plataforma dixital en formado Kindle e situouse entre os tres primeiros en papel.
Esta vez, este técnico en mecatrónica e enxeñeiro electrónico (nas ramas industrial e automática), deixouse levar por un impulso: «Este pequeno libro xurdiu de imprevisto, un día que me apetecía escribir, que quería expresarme de xeito máis poético... axudoume a soltar todo ese amor e esa creatividade, facíame falta». Saíulle unha fábula, coa intención de que os lectores «se poñan nos pés da protagonista e gocen das súas sensacións, a beleza que descubre no entorno e as grandes reflexións ás que chega grazas a ese espazo natural [...], que se transporten a outro mundo brevemente».
Iago deu vía libre á súa voz feminina: «Tiña que ser, porque sinto a poesía como unha enerxía máis feminina, máis creativa, máis cariñosa, máis sensible... Cada home e cada muller poden tocar a feminidade e a masculinidade [...], é moi positivo ser capaces de expresarse sen ter vergoña». Narrado en primeira persoa, «cunhas trazas» de diálogo, o autor inspirouse no seu entorno, o do río Castro, co que se sente conectado: «Para min é vital, descubrín en Sevilla [onde leva uns meses traballando] que lle teño moito máis cariño do que cría, que ten moito máis peso do que pensaba, foime conformando, quéroo moito e necesítoo».
Contra as barreiras
Do proceso de autoanálise continuo ao que se somete conclúe que non sente apego aos lugares, «pero si unha conexión coa natureza, a necesidade de poñer os pés na terra e formar parte dela, de experimentar iso no corpo». De aí se nutre á hora de escribir, un proceso creativo do que goza, «algo transformador, cando vas dando a luz á túa arte, sexa o que sexa». Por iso anima á xente a «facer o que lle gusta», sen escudarse en que non se lle dá ben ou na preguiza: «Falo porque o amas [...], a gran lección pode ser que o esforzo é, en verdade, enfrontarte a ti mesmo e descubrir que non hai ningunha barreira».
Pola súa última obra pululan «pequenas criaturas que axudan a levar a profundas reflexións». A protagonista atópase nun bosque, «perplexa pola súa beleza», e sen saber por que está alí, e déixase guiar pola intuición para encontrar o camiño «para chegar ata o final». Nesa viaxe dá «coa clave para entender o seu compás interno», da man da natureza, a mestra que lle ensina «o enigma da perfecta imperfección». Alí «reflexiona sobre a caótica orde que rexe a natureza, coma unha orquestra sen director que soa á perfección». Porque, pregúntase o autor, «que significa para a natureza a perfección, se é perfectamente imperfecta? Quizá a clave está na imperfección».
A conexión coa terra
O relato ten algo de terapéutico: «Para min a natureza é sanadora [...], e dáche esa claridade de saber o que queres, o camiño a seguir, escoitando o teu compás interno». Defende esa conexión coa terra: «Non entendo como un ser humano nunha vida urbana pode estar realmente san, saber o que realmente quere sen que lle sexa imposto. Eu non sería libre influenciado por cousas externas a min... porque ti es un ser orgánico que necesita ter o seu contacto electromagnética coa terra e co aire fresco».
A cidade de Sevilla gústalle moito —«espazos amplos, cómoda, ben comunicada, ben bonita...»—, pero quere volver á terra: «Non necesariamente Galicia, pero si unha vida máis natural, cultivando a miña comida... creo que esa é a verdadeira experiencia humana». Na súa última obra, da que compartiu un tráiler nas redes sociais con 4.666 reproducións, mestura o concepto de fábula cunha muller do século XXI, un «choque» buscado. A protagonista acaba descubrindo «a lei natural».
«É un libro moi nutritivo, a intención é que quen o lea sinta canto lle aportou aínda sendo curto», di. Hai moito da súa filosofía vital: «Considero que todos somos responsables a nivel individual do que pasa na sociedade [...]. De aí a importancia de cada decisión que tomas. Ser consciente do que ocorre pode ser doloroso, pero é liberador porque aprendes e descobres tanto... síntoo así desde moi pequeno, quero coñecer toda a verdade, non vivir na inconsciencia».
Vivir e experimentar a vida
Sostén que no parámetro «pracer-dor» que manexaba en A rebelión dun buda explícase o comportamento: «Cando estás na cama e non te sentes motivado para erguerte e facer algo, se a dor por non cumprir o teu verdadeira potencial na vida é menor que o pracer de quedar na cama.... se cambia esa relación, es honesto e tomas a acción, iso é o que diferenza ás persoas». El convida a actuar, «como primeira etapa de desenvolvemento persoal», para evitar a frustración de «vivir sen experimentar a túa vida».
Aquí entra en xogo a vontade, pero o que realmente valora Iago é a humanidade: «Penso na miña avoa, á que quero infinito, e para querela tanto non necesito que teña vontade de facer nada, valóroa pola súa humanidade. A vontade é útil para quitarse a frustración ou desenvolver o teu potencial, pero o último é a humanidade, ser unha persoa de corazón». Séntese agradecido pola resposta dos lectores aos seus libros: «Téñolles cariño... con que unha persoa valore o que fago xa me bastaría. Cada un ten que estar contento co que fai».