San Sadurniño cobra de 5 a 200 euros polos postos da Feira da Plantación

LA VOZ SAN SADURNIÑO

SAN SADURNIÑO

ESTEVO BARROS

O prazo para solicitar un expositor estará aberto ata o 22 de abril

23 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O prazo para inscribirse na vixésimo sétima Feira da Plantación de San Sadurniño, que se celebrará o 28 de abril, estará aberto ata o día 22. Hai que anotarse a través da sede electrónica, nas oficinas municipais ou por correo postal. As cotas que se cobrarán aos vendedores van dos cinco euros, para postos de un a cinto metros frontais por cinco de fondo, aos 200, nos que soliciten carpa de 12 x 6 metros instalada polo Concello.

As entidades sen fins de lucro poderán participar de balde. O listado de admitidos publicarase o 24 e os expositores deberán confirmar a inscrición pagando a cota correspondente no número de conta que figura na folla de solicitude, xunto coas bases para participar.

Aparte de plantas de temporada, árbores froiteiras e pés para horta (tomateiras, pemento, leituga, etcétera), na Feira da Plantación haberá sementes, ferramentas e maquinaria, produtos alimentarios e artesanía relacionada co mundo vexetal, e tamén obradoiros, música, demostracións, sorteos e o xa tradicional agasallo dunha bolsa cunha planta ornamental no interior.