San Sadurniño, gran amor polo cinema co exitazo do Chanfaina Lab
SAN SADURNIÑO

Entregouse o premio Bernardino de Lamas ao realizador Alberte Pagán
17 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Con total liberdade creativa e de estilos, as 24 pezas presentadas este sábado no Chanfaina lab volven a reivindicar o cinema desde San Sadurniño. A maioría filmáronse durante a primeira fin de semana do pasado outubro. E agora amosáronse ao público na Casa do Cultura, nunha gala conducida polo actor Fran Nogueira e polas mulleres de Teño unha Horta (Crucita de Piñón, Carmiña da Laxe, Carmiña dos Pantís e Maruja da Curuxa).
A cita tamén serviu para entregar o primeiro premio Bernardino de Lamas, como recoñecemento á creación fílmica ou apoio ao audiovisual á marxe da industria. E foi para o realizador, profesor e escritor Alberte Pagán. Presumiu precisamente de liberdade: «Sempre fixen as cousas sen pedirlle permiso a ninguén, eu sempre fixen películas fóra da industria, fóra das produtoras, fóra das subvencións». El mesmo produciu unhas sesenta pezas experimentais, cos seus propios medios. O premio Bernardino de Lamas, un boneco con follas de millo, representa ao histórico cineasta.
O alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, avanzou que «haberá décima edición en setembro, e undécima e moitísimas máis». Este encontro audiovisual serve ademais para «para poñer o noso gran de area no audiovisual galego, que é un sector estratéxico do país».