San Sadurniño, o reino verde que aposta polo local na súa Feira da Plantación

Patricia Hermida Torrente
Patricia Hermida SAN SADURNIÑO / LA VOZ

SAN SADURNIÑO

Anterior edición da Feira da Plantación de San Sadurniño
Anterior edición da Feira da Plantación de San Sadurniño CESAR TOIMIL

A cita celébrase mañá con 72 postos na zona da Cortiña

26 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

No corazón da primavera, volve este domingo unha cita tan agardada como a Feira da Plantación de San Sadurniño. Neste reino verde que aposta polos produtos locais, abrirán as súas portas un total de 72 postos. Son cinco máis que no ano pasado, para delicia dos visitantes á zona da Cortiña, xunto ao río Xuvia. Nesta edición número 28, «volveremos a ser un escaparate comarcal da primavera, mostrando flor e planta para xardíns, árbores, pés en verde para morteiros e todo o necesario para que os pequenos e grandes traballos agrícolas no exterior resulten exitosos».

Esta Feira da Plantación celebrarase desde as 10.00 ata as 20.00 horas, con obradoiros e demostracións de 11.00 ás 19.30, e sorteo de ramos e centros florais de 14.00 a 19.45 horas. Haberá doce viveiros ou postos de flor, unha trintena de puntos de venda de produto agroalimentario, 20 expositores de artesanía, catro de maquinaria e seis de colectivos sen fins de lucro. A cita, que está organizada polo Concello de San Sadurniño, naceu nos anos 90 impulsada por aquel entón pola asociación Bidueiro: «E agora é un encontro comercial de referencia que reivindica a calidade, diversidade e potencial do sector primario, especialmente no ámbito da produción de planta ornamental».

Os nenos de catro a doce anos tamén poderán participar en obradoiros de sementes (ás 12.30 horas) e de tintes naturais (ás 17.30). Para os maiores, haberá charlas sobre as rochas do Xeoparque Ortegal co doutor de Xeoloxía Francisco Canosa, ou exhibicións de arte floral con Tania Couce (Floristería La Feria). Os centros e adornos que monte esta florista local sortearanse entre os asistentes, con papeletas que se entregarán con cada compra.

Un agasallo a cada persoa

Cada visitante da feira recibirá un agasallo en forma de bolsiña con plantas ornamentais doadas por Vivergal, empresa con sede en Santa Mariña do Monte que colabora desinteresadamente coa organización. O Concello tamén recibe o respaldo da Deputación da Coruña para esta cita.

Os que queiran comer en San Sadurniño terán unha carpa instalada no recinto, ademais dos restaurantes da zona nos que é mellor facer reserva.

O Concello habilitará dous espazos de aparcamento a escasos metros da feira: un na leira da área de autocaravanas e outro nas proximidades da ponte sobre o río.