Uxío García: «O mérito do Aldebarán Intasa San Sadurniño parte da súa canteira»
SAN SADURNIÑO

«O soño dun ascenso que foi freado pola falta de recursos», sinala o presidente do Aldebarán Inasa de San Sadurniño
15 jul 2025 . Actualizado a las 08:18 h.O Aldebarán Intasa San Sadurniño demostrou que o voleibol é moito máis que un deporte nun recuncho de apenas 3.000 habitantes. Fundado en 1978 e cunha traxectoria marcada polo traballo de base, o club obtivo grandes logros. Na tempada 2023/2024 e baixo a presidencia de Uxío García Lamas, o equipo asinou o ascenso á Superliga, a máxima categoría do voleibol. Con todo, a falta de recursos obrigou ao club a renunciar a competir na elite, aínda que o orgullo polo traballo ben feito permanece presente.
—Despois de ser xogador do club, que significa para ti estar no cargo de presidente?
—É un orgullo porque lle das continuidade ao que facías como xogador. Eu sempre lle estarei agradecido ao club polo traballo que fai dende as categorías inferiores e a maiores a min me permitiu viaxar e xogar a nivel profesional. A miña infancia sen o club de voleibol non sería nin similar ao que foi, entón para min era como unha obriga dar o paso á presidencia e así darlle a outros nenos o que eu tiven a oportunidade de gozar.
—Cal pensa que foi o momento chave que marcou un antes e un despois no crecemento do club?
—Eu creo que o antes e o despois ven dado por cando gañamos a Copa Príncipe. Hai tres etapas na historia do club, a primeira na que quedamos primeiros na Primeira División Nacional e conseguimos ascender á segunda máxima categoría. A segunda etapa sería cando organizamos a Copa Príncipe en San Sadurniño na que pelexamos contra os tres mellores equipos da categoría e aínda encima conseguimos gañala. E a raíz de aí cambiou a maneira de ver as cousas e de crer, xa que pensabamos que era posible ascender ou gañar outras copas.
—Que filosofía emprega para construír o equipo?
—Nós sempre buscamos certo equilibrio para obter así un equipo competitivo. Sempre está ben traer xente de fóra para axudar a mellorar aos de aquí, pero miramos moito pola canteira que é a nosa base fundamental.
—Como viviu o club a fase final de ascenso á Superliga?
—A fase solicitámola para non gastar diñeiro, nós non tiñamos un equipo plantexado para ascender. Aínda que o equipo demostrou ata onde podía chegar grazas á motivación e ao esforzo, pero a fase pedímola para evitar ter que viaxar por exemplo a Tarragona e así tamén facer un espectáculo de voleibol en San Sadurniño que é unha das cousas que nos move.
—Cal é o obxectivo para a próxima tempada?
—O principal é crecer para ver se así obtemos a importancia que merecemos. Somos o único club da comarca que ten catro escolas en catro concellos, temos en Cedeira, Ortigueira, Ferrol e San Sadurniño. Polo que prestamos un servizo aos mozos e mozas da comarca que nos permite fortalecer a base e formar ben aos xogadores para o futuro.
—Que mensaxe lles enviarías aos seareiros despois da difícil decisión de renunciar ao ascenso?
—Eu só lles podo pedir perdón, nada máis, porque para nós é unha impotencia tremenda. Nós como directivos sentimos que dende a Xunta marxinan moito ao noso club, no sentido de que despois de ascender ninguén nos recibiu e non obstante temos unha reportaxe de Movistar Plus contando a nosa historia. Nós sentimos a falta de apoio por parte dos estamentos máis próximos e temos os mesmos gastos que outros deportes como fútbol ou baloncesto, pero non recibimos o mesmo apoio para saír adiante. Na tempada enfrontámonos a equipos que teñen axudas enormes e todo iso inflúe, polo tanto nós non podemos ascender porque nunca podemos igualar esa capacidade económica.
«A cara oculta do voleibol de elite, o gran reto económico»
Máis aló dos logros deportivos, o Aldebarán Intasa San Sadurniño afronta un dos seus maiores retos fóra da pista: o equilibrio económico. A falta de recursos que lles obrigou a renunciar á súa praza para ascender, representa a dura situación que viven moitos equipos modestos para sobrevivir ao máximo nivel. Entre subvencións limitadas, patrocinios insuficientes e os elevados custos de desprazamentos, o club loita por atopar apoios que permitan manter vivo o soño.
—Considera que as axudas que recibe o club son suficientes?
—A cantidade que recibimos non é suficiente. Eu non quero esmolas por iso decidimos rexeitar a praza do ascenso, porque non tiñamos as condicións óptimas para xogar. Pero a min o que me molesta é que ninguén dende a deputación veña a preguntarnos que necesitamos para levar a cabo ese proxecto, mentres que noutros deportes si que o fan e iso non é xusto porque o facemos igual de ben que eles. Eu boto de menos que as axudas se equiparen ao resto de deportes, non que se igualen, pero sí que se equiparen. Nas viaxes por exemplo a nós non nos sae máis barato un billete de avión que a un xogador de fútbol, pero a diferenza en todo son os soldos e iso é porque o permiten. Por iso é necesario que se equiparen estas axudas e así poder mellorar as condicións do club para loitar por competir na máxima categoría.
—Que condicións loxísticas enfrontan nas viaxes?
—Actualmente facemos noite nas viaxes que é necesario como por exemplo Canarias ou
Guipúzcoa. Neste sentido melloramos porque antes non nos podiamos permitir iso, pero así tamén o descontamos doutras cousas. Para poder inverter nas viaxes temos que fichar a un xogador menos por exemplo, non é que ao principio da tempada fagamos balance para saber o presuposto que temos para viaxes. A nós encantaríanos poder viaxar o día anterior a cada partido e poder xogar descansados e en boas condicións, pero non pode ser.